EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música volve aos centros escolares e escolas infantís con máis concertos didácticos

08/02/2019 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o director da Escola Municipal de Música, Fernando Rei, presentaron hoxe os concertos didácticos que a EMM dará nos centros escolares e nas escolas infantís durante os meses de febreiro e marzo.

Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos e pequenas na rede de centros educativos de Compostela. O ciclo está destinado ao alumnado do 1º e 2º curso de Educación Primaria e tamén ás crianzas do ciclo 0-3 anos.

Manuel Dios sinalou que este programa "trata de achegar os contidos que merece unha formación musical de calidade para os máis pequenos e pequenas". Na mesma liña se pronunciou Fernando Rei, quen sinalou que "dende a Escola Municipal de Música estamos moi contentos de amosar o traballo que facemos na escola e de transmitir o marabilloso que é facer música".

En cada xornada, dous músicos da EMM visitan os centros educativos. Presentan os instrumentos (clarinete e saxofón, violín e frauta traveseira, acordeón e guitarra, trombón e trompeta, viola, guitarra eléctrica e percusión), describen as súas características e posibilidades melódicas e explican as diferentes formas musicais de interpretación. Os músicos interpretan ao tempo diferentes pezas musicais.

As sesións son duns 50 minutos, aproximadamente. Nesta novena entrega do Ciclo participan os seguintes dúos: clarinete e saxofón, violín e frauta traveseira, violín e viola, trombón e trompeta, acordeón e guitarra, e guitarra eléctrica e percusión. As sesións comezaron o pasado martes 5 de febreiro en horario de 10:00 e 11:30 horas e continuarán todos os martes de febreiro en varios centros educativos.

Sesións didácticas nas escolas infantís
Como noutras ocasións, está prevista a participación das escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, Meixonfrío-Salgueriños, San Roque, Tambre e Tras-Parlamento, e incorpórase tamén a nova Escola Infantil do Castiñeiriño. Neste caso, tres profesores/as da EMM visitan os centros educativos para contar un conto relacionado coa música nunha sesión duns 30 minutos de duración.

Durante a actividade trabállanse aspectos como o son, a altura das notas ou o ritmo. Ao mesmo tempo, os alumnos e alumnas teñen a oportunidade de escoitar en directo os instrumentos que os mestres e mestras levan ás escolas infantís -como o clarinete, o contrabaixo ou o violonchelo- e interactuar mediante o movemento do seu corpo.

Ciclo de concertos no CHUS
Estes concertos didácticos veñen a completar unha iniciativa impulsada este ano polo departamento de Educación e pola cal os integrantes da Escola Municipal de Música se achegarán cada xoves pola aula Hospitalaria do CHUS para facer máis levadeira a hospitalización dos nenos e nenas.

A actividade comezou o pasado xoves 24 de xaneiro nun concerto no que participaron os/as alumnos/as de clarinete María Caneda, Antón Pontevedra e Nerea Botana, co acompañamento do seu mestre Pablo Pascual.

Compartir: