XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno desbota os recursos interpostos contra a revogación das licenzas de actividade na canteira de Miramontes

08/02/2019 A Xunta de Goberno acordou hoxe rexeitar os recursos de reposición interpostos pola asociación ambiental ADIANTIUM e a empresa Tecnosolos Galaicos contra os acordos adoptados polo Executivo para revogar a licenza de obras e de actividade da canteira de Miramontes, na parroquia da Grixoa. Tal e como explicou a tenenta de alcalde, María Rozas, o Concello ten feitos varios requirimentos á Xunta de Galicia para que achegue informes medioambientais, que aínda non foron facilitados.

No pasado mes de xullo, a Xunta de Goberno acordou sobreseer o procedemento de revogación da licenza de obras da canteira de Miramontes "ante o perigo de que o expediente caducara antes de que a Xunta pechara as accións que tiña en marcha en relación á mesma planta". Ao mesmo tempo, asinouse un decreto polo que se iniciou o procedemento de declaración de ineficacia da comunicación previa de inicio de actividade na planta de tecnosolos, baseado en que a actividade é desenvolvida por unha empresa diferente á que tiña tramitada a comunicación previa de inicio de actividade. Ante estas decisións presentáronse recursos de reposición que hoxe a Xunta de Goberno acordou rexeitar, á espera de recibir os informes pertinentes da Xunta de Galicia.

Convenio con Ecovidrio
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou a adhesión do Concello de Santiago ao convenio marco asinado entre a Xunta de Galicia e a Sociedade Ecolóxica para a reciclaxe dos envases de vidro, Ecovidrio. En virtude do acordo, Ecovidrio encargarase da realización do servizo integral de recollida selectiva de residuos de envases e envases usados de vidro, que será gratuíto para o Concello de Santiago. Ademais, a entidade seguirase encargando da actual recollida Porta a Porta na zona histórica, que se integrará no seu momento no novo servizo de recollida e poderá ser obxecto de mellora ou reforzo se se considera necesario. Ademais, Ecovidro comprométese a poñer en marcha ao longo deste ano a ampliación do servizo HORECA a hostaleiros, entregándolles contedores adaptados.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: