TURISMO

Compostela promociónase esta semana en Escocia

04/02/2019 A concelleira de igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, participa esta semana en diversos actos en Edimburgo (Escocia) para promocionar Santiago no mercado escocés. A xuntanza enmárcase dentro das actividades de promoción que realiza o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España(GCPHE).

A delegación será recibida hoxe luns polo alcalde de Edimburgo, Frank Roos, nun acto oficial ao que asistirán medio centenar de invitados, entre eles, o cónsul xeral de España en Edimburgo, Miguel Ángel Veciño; o concelleiro de Cultura de Edimburgo, Donald Wilson; o presidente do Patrimonio Mundial do Reino Unido, Chris Blandford; e representantes da vida social e cultural da cidade. Durante a xornada de hoxe e mañá, os representantes das Cidades Patrimonio están a manter diversas reunións con autoridades e representantes de entidades turísticas e culturais da cidade escocesa, dentro dunha serie de encontros que teñen como punto central o intercambio de boas prácticas na xestión do patrimonio histórico e cultural entre as cidades españolas e Edimburgo, que foi inscrita na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO en 1995.

Entre a organizacións incluídas na axenda de traballo atópanse VisitScotland, entidade oficial que xestiona o turismo de Escocia; o Edinburgh World Heritage Visitors Centre; o Edinburgh International Festival; o Fringe Festival; o Edinburgh Castle Heritage Environment Scotland e o World Heritage Scotland. A actividade da delegación concluirá a tarde do martes cun acto organizado xunto coa Consellería de Turismo da Embaixada de España en Londres e Turespaña, no que se presentará a oferta turística e cultural das Cidades Patrimonio e da Rede de Paradores de Turismo a operadores turísticos e profesionais do sector.

Trátase da primeira acción promocional directa en 2019 do Grupo no Reino Unido, o principal mercado emisor de turistas a España, cunha cota de mercado no turismo emisor do 23% e 18 millóns de viaxeiros, que cada vez máis buscan experiencias como a gastronomía, o patrimonio, a cultura e as compras, produtos nos que as 15 cidades son líderes en Europa.

Tras un 2018 moi positivo para as Cidades Patrimonio da Humanidade de España e marcado polas celebracións e actos conmemorativos especiais con motivo do 25 Aniversario da creación do Grupo, o Plan Operativo para 2019 continuará coa liña de promoción, representación e comercialización das 15 Cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial de UNESCO. Ademais levar a cabo diversas presentacións directas en Moscova, Miami, México DF, Nova York, Boston e diversas cidades de China, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados; Fitur (Madrid), Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (Paris), WTM Latin America (Sao Paulo), ITB Berlín e WTM Londres, ITB Asia (Singapura), JATA (Xapón) e CITM (China) entre outras.

Compartir: