ALCALDÍA

O Concello de Santiago entrega os seus títulos, honras e condecoracións a título póstumo

16/01/2019 O Concello de Santiago fixo entrega esta tarde dos seus títulos, honras e condecoracións a título póstumo. Foi nun emotivo acto celebrado no Auditorio de Galicia, no que participaron activamente as familias e amizades das persoas homenaxeadas. Ademais, dende hoxe, a xornalista Begoña Caamaño dálle nome ao parque próximo ao Centro Sociocultural das Fontiñas.

O alcalde presidiu esta tarde o acto de entrega dos títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago. Na súa intervención, Martiño Noriega expresou a súa satisfacción por poder "homenaxear a homes e a mulleres a quen lles debemos moito do que somos e moito do que queremos ser colectivamente, a persoas que foron os verdadeiros latexos de Compostela". O alcalde salientou os recoñecementos a Xohana Torres e Begoña Caamaño, "mulleres que nos lembran, hoxe máis ca nunca, que as políticas de igualdade e os consensos conquistados nos últimos anos son conquistas colectivas nas que non podemos retroceder un milímetro". Tamén lembrou a Ánxel Casal e a Federico García Lorca, "dúas vidas truncadas pola barbarie do 36 que non podemos nin queremos esquecer, e que deixaron un legado que foi recollido por unha xeración posterior da que formaron parte outras dúas persoas homenaxeadas hoxe, Benedicto e Bibiano, dúas Voces Ceibes nunha longa noite de pedra".

Tamén interveu no acto a historiadora Encarna Otero, quen se encargou da laudatio das persoas homenaxeadas. "Este é un acto de memoria democrática e cívica. As persoas que aquí se honran fixeron da cultura o seu emblema, do galego a súa estrela, da honestidade e a xenerosidade o seu roteiro", dixo.

Ánxel Casal, Alcalde de Honra
No acto celebrado hoxe, o Concello recoñeceu a Ánxel Casal como Alcalde de Honra da cidade. A distinción foi recollida polo sobriño-neto de Casal, Felipe Ruíz de Miguel, quen quixo reivindicar a figura do rexedor galeguista fusilado polos franquistas en 1936, e tamén a da súa muller, María Miramontes, "como persoa con identidade propia no panorama político galego e senlleira na loita activa polos dereitos da muller".

Fillo e filla adoptivos
Hoxe tamén se entregaron as distincións de fillo e filla adoptivos de Santiago a Federico García Lorca e a Begoña Caamaño. No nome do primeiro, recibiu a distinción a presidenta da Fundación García Lorca e sobriña do galardoado, Laura García Lorca, quen leu algún dos poemas dedicados polo escritor a Compostela.

A medalla e a insignia a Begoña Caamaño foi recollida de mans do alcalde pola irmá da xornalista e escritora. Bea Caamaño recuperou no seu discurso algún dos estratos da novela da homenaxeada Morgama en Esmelle, "como a mellor maneira para manter viva a figura e o traballo de Begoña". Tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para quen fora parella de Begoña e para a súa nai, "por descubrirlle a Begoña a literatura, por facer parte dese grupo de mulleres silenciadas que nunca se ven pero están, e por educarnos nos principios da liberdade, a independencia e igualdade de oportunidades".

Fillos predilectos
O Concello distinguiu como filla predilecta de Santiago a Xohana Torres, distinción que recolleu a súa filla Andrea Ellacuría Torres. Do mesmo xeito, foron recoñecidos como fillos predilectos Bibiano Morón e Benedicto García, dous ex integrantes de Voces Ceibes. No nome do primeiro, no acto interveu a súa viúva, Matusa León, quen definiu a Bibiano Morón como "un home sempre activo que cambiou a vida de profesor pola aventura arriscada de ser activista cultural, un gran conversador, sempre xeneroso, espontáneo e cun sorriso na súa faciana".

O recoñecemento a Benedicto García foi recollido tamén pola súa viúva Maite Angulo, que agradeceu o recoñecemento "da cidade na que Benedicto medrou como persoa, músico, sindicalista, político, mestre, amigo, pai e compañeiro". Lembrou ademais o papel fundamental que xogou Benedicto para que "a Facultade de Económicas de Santiago fora o lugar onde Zeca Afonso estreou o seu tema Grândola Vila Morena".

Parque Begoña Caamaño
Horas antes da cerimonia do Auditorio, celebrábase a descuberta da placa co nome de Begoña Caamaño no parque das Fontiñas que recordará a xornalista e escritora dende hoxe. O alcalde presidiu o acto, ao que asistiron numerosos familiares e amigas de Begoña Caamaño.

Direccións relacionadas



Compartir: