ACCIÓN CULTURAL

"Perencontro", de Alejandra Pombo, o novo proxecto que se pode ver na Zona C

16/01/2019 Este mércores, ás 19:30 horas, abre na Zona "C" a intervención Perencontro, da artista compostelá Alejandra Pombo. No acto inaugural estarán presentes o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González; a artista Alejandra Pombo, e o artista convidado Josu Bilbao.
A Zona "C" (Bonaval, nº 1) acolle a última das intervencións seleccionadas baixo a denominación de Proxectos de intervención artística e que vén de nutrir a programación do espazo polo que xa teñen pasado nesta edición Amine Ansselman, Olalla Castro e Nicoleta Moise, Marcos Covelo e Aarón Sanromán. Agora é Alejandra Pombo quen co proxecto Perencontro (a través do encontro) convídanos a visitar de novo a Zona "C".

O prefixo "per" etimoloxicamente significa "a través". Con Perencontro, Alejandra describe este evento non como enfrontamento, nin como intercambio, disolución, transmisión, contacto ou identificación, senón como unha conxunción.

Ao longo dun proceso de creación de ano e medio, Alejandra veuse envolta en diversas experiencias e situacións que foron configurando o barbeito para esa conxunción que a través da complicidade cos artistas Mårten Spångberg (Estocolmo, 1968) e Josu Bilbao (Bermeo, 1978), deu como resultado a exposición que se pode ver ata o 10 de marzo na Zona "C".

Unha "permeabilidade" entre artistas que ten o poder de transformar as súas contornas abríndoos cara outras subxectividades que os conectan co que están a ver dunha forma diferente e onde se atopan co inédito e o sorprendente.

Alejandra Pombo (Santiago de Compostela, 1979). Doutora en Belas Artes cunha tese sobre os paradoxos e efectos da introdución da noción de performance no campo da arte. O seu traballo artístico atópase na fronteira das artes visuais, o cinema e as artes en vivo para explorar o concepto de presenza a través de diferentes aproximacións. Actualmente, o seu traballo céntrase na realización de películas nas que xa non só experimenta o modo de realizalas, senón tamén o modo de dalas a ver. Proxectos artísticos destacados nos que colaborou ou ten participado: o proxecto Mugatxoan, realizando diferentes talleres e residencias artísticas na Laboral, Fundaçao Serralves e Arteleku; o Primeiro Proforma 2010 no MUSAC cos artistas Txomin Badiola, Sergio Prego e J. Mikel Euba, e en diferentes proxectos coas artistas María Jerez, Loreto Martínez Troncoso (Las Invictas), e os coreógrafos Mårten Spångberg e Juan Domínguez. Outras residencias que lle foron concedidas: I-Park Foundation (Conneticut), Atlantic Center for the Arts (Florida), PACT-Zollverein (Essen), Space Programme (Celbridge), DOCH (Estocolmo), La Casa Encendida (Madrid), o CA2M (Madrid), Matadero (Madrid), MAC (A Coruña), La Caldera (Barcelona) e en L’Estruch (Sabadell). As súas obras foron presentadas en diferentes festivais, museos e centros de arte, destacando Tabakalera de San Sebastián, Festival Loop, MARCO de Vigo, Aesthetica Short Filme Festival, Festival In-presentable, Pact Zollverein, Arteleku, Fundaçao Serralves, A Laboral de Xixón, CCCB, Matadero Madrid, Festival Cineuropa, a Casa Acesa e o Festival Escenas do Cambio. A súa máis recente presentación pública foi a exposición Miradas IV no Centro Torrente Ballester, onde expón un traballo escultórico en conexión coa súa última película Wild Palms.

Josu Bilbao (Bermeo, 1978). En 2011 licenciouse en Belas Artes na UPV/EHU e posteriormente estudou un máster de lingüística e filoloxía vasca na UPV/EHU. Participou en exposicións como El Contrato de Bulegoa z/b na Alhóndiga Bilbao, First Thought Best en Artium, Aijjé na Sala Rekalde e como alumno do programa Erasmus na exposición Mode Macht Schule na Haus der Kulturen der Welt de Berlín. Recentemente expuxo de maneira individual na galería Carreras Mugica. Participou no 2010 da corentena Primer Proforma 2010 cos artistas Txomin Badiola, Jon Mikel Euba e Sergio Prego no MUSAC de León. Fóronlle concedidas residencias como a de Halfhause no 2016 e bolsas como a de Bilbao Arte no 2014 e a Fundación Botín no 2016.

Mårten Spångberg (Estocolmo, 1968) é un coreógrafo que vive e traballa en Bruxelas e Estocolmo. O seu traballo sitúase na danza entendida nun sentido expandido do campo, algo que desenvolve a través dunha práctica experimental nunha multiplicidade de formatos e expresións. Estivo activo no escenario como intérprete e creador dende 1994, e dende 1999 estivo creando as súas propias coreografías, dende sós ata obras de maior escala, que realizaron xiras internacionais. Baixo o selo International Festival, Spångberg colaborou co arquitecto Tor Lindstrand realizando proxectos en relación á coreografía e o campo do social. Dende 1996 ata 2005 organizou e comisariou festivais en Suecia e internacionalmente, e en 2006 iniciou a organización das redes INPEX. De 2008 a 2012 dirixiu o programa do máster de coreografía na Universidade de Danza de Estocolmo. Mårten Spångberg é profesor de dramaturxia e coreografía na Academia Nacional de Artes de Oslo e noutros lugares como PARTS, Ex.e.r.ce ou ImpulsTanz en Viena. Tamén é artista asociado no teatro Black Box Oslo, 2017-2018. En 2011 foi publicado o seu primeiro libro, Spangbergianism. Os seus traballos máis recentes, A substance, but in english, The Internet, Natten e Gerhard Richter, une pièce pour le théâtre, gañaron un amplo recoñecemento internacional.

Compartir: