PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio fixan como reto en 2019 a comercialización común da súa oferta cultural

15/01/2019 A cidade de La Laguna é a sede da celebración das xornadas "Uso e xestión da paisaxe urbana histórica nas Cidades Patrimonio Mundial", que organizan conxuntamente o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, o Ministerio de Cultura e Deporte e o Concello lagunero.

Durante dous días, diversos expertos en Urbanismo e Patrimonio Histórico abordan o estudo e a problemática que significa o uso e a calidade dos espazos, o impacto das infraestruturas urbanas no patrimonio e a xestión dos servizos públicos nas cidades históricas. Ademais, traballan en diversos casos prácticos de xestión nos ámbitos das cidades Patrimonio da Humanidade, os procesos de reurbanización e peonalización, experiencias sobre iluminación ornamental de monumentos, o soterramento dos cableados, os servizos de hixiene urbana ou a problemática relacionada coa xestión do subsolo e os servizos.

Na xornada déronse a coñecer tamén os acordos da primeira reunión da Comisión Executiva do Grupo, na que se falou dos convenios con Turespaña, Paradores Nacionais Iberia e, por primeira vez, algún con Renfe, así como da presenza do Grupo na feira turística Fitur, onde se celebrará unha asemblea de alcaldes e alcaldesas.

Ademais, acordouse traballar nun novo regulamente de réxime económico e unha modificación dos estatutos para adaptalos á linguaxe non sexista e ás novas circunstancias das cidades. Igualmente, informouse de que o Grupo manexa un orzamento dun millón de euros, dos que o 50% dedícase a promoción turística e cultural, o 25% a actividades de educación e cultural e o outro 25% a actividades de patrimonio e formación.

A partir dun estudo ao longo de 2017 e 2018, calcúlase que as cidades patrimonio teñen un sobrecusto de ao redor do 30%, que é o que lles custa de máis manter os servizos e equipamentos. Por iso, entre os retos para este 2019 está lograr do Estado un maior financiamento. Outro obxectivo será a comercialización común da oferta cultural e considérase que é o ano ideal para adaptar as cidades históricas ás novas tecnoloxías, como destinos turísticos intelixentes.

Tamén se anunciou que este ano se reeditará o evento A Noite do Patrimonio, e que se está traballando en volver celebrar o circuíto de carreiras Patrimonio da Humanidade.

Xestión do servizos públicos
O programa do martes das xornadas estaba dedicado á xestión dos servizos públicos nas cidades históricas. Así, entre os relatores figurou Xosé Allegue, arquitecto xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio de Santiago, que explicou o caso compostelán.

Os casos prácticos versaron sobre a experiencia do soterramento de cables en Baeza; a descontaminación nas cidades históricas; a importancia do pavimento na imaxe da cidade; o proxecto Intherwaste: a xestión pública dos servizos de hixiene urbana en Cidades Patrimonio; o subsolo, servizos e patrimonio; e as infraestruturas de telecomunicacións en Cidades Patrimonio: problemática e propostas.

Compartir: