TURISMO E PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio inician a súa promoción de 2019 na feira Vakantiebeurs de Utrecht (Holanda)

10/01/2019 As Cidades Patrimonio da Humanidade de España participan esta semana na feira de turismo Vakantiebeurs 2019, que se celebra na cidade holandesa de Utrecht do 9 ao 13 de xaneiro nas instalacións do recinto feiral Royal Dutch Jaarbeus. Neste evento, de grande importancia para o mercado holandés e principalmente destinado a público final, participan os principais destinos, empresas e profesionais do sector.

Segundo datos da propia feira, a edición 2018 alcanzou a cifra de 105.369 visitantes e 1.126 expositores. O perfil do visitante á feira é de persoas que fan unha media de 2,5 vacacións ao ano e gastan unha media de 3.200 € por ano nelas. España situouse no segundo destino por interese, por detrás de Italia, e seguido de Alemaña en terceira posición e Francia/Grecia e Portugal/Noruega, que comparten cuarto e quinto posto respectivamente.

A coordinación da participación nesta feira está a ser asumida pola Oficina de Turismo de España (OET) da Haia e as Cidades Patrimonio dispoñen dun espazo propio dentro da caseta de Turespaña no que se están mostrando de primeira man os nosos 15 destinos UNESCO e a súa riqueza patrimonial e cultural.

En 2018, ademais da participación nesta feira e tamén co apoio desta mesma oficina, o Grupo Cidades Patrimonio organizou un press trip para xornalistas dunha coñecida revista de estilo de vida, e unha presentación directa para o sector profesional en colaboración con Paradores e a Embaixada que tivo lugar na Haia o pasado mes de maio.

O mercado holandés
Viaxar en vacacións é un hábito de consumo moi arraigado entre os holandeses: Segundo datos de Turespaña, o 80% da poboación viaxa anualmente, cunha media por persoa de case tres viaxes ao ano, o que permite a realización de viaxes de índole diversa, e a súa media de gasto figura entre as máis elevadas do continente europeo.

Os destinos estranxeiros máis visitados polos holandeses en 2017 foron Alemaña (18,1%do total), Francia (14,2%) e España. Así España sitúase como terceiro destino, cunha cota de mercado do 12,4%, cifra que vén crecendo ininterrompidamente dende o ano 2013. A principal motivación das viaxes ao estranxeiro é a visita de cidades combinada coa cultura (21%).

No ano 2017 visitaron España 3,7 millóns de turistas holandeses, o que sitúa a Holanda como quinto mercado emisor, tanto en fluxo de turistas como en gasto (4.021 millóns de euros). En pernoitas hostaleiras, Holanda adianta a Italia, pasando a ocupar o cuarto posto con 9,7 millóns. O ano pechou con incrementos en todos os indicadores, crecendo un +10,4% o volume de turistas, un +14,1% o gasto e un +10% as pernoitas hostaleiras.

O acumulado dos dez primeiros meses 2018 tamén mostra crecementos no fluxo de turistas (+3,6%) e no gasto (+4,4%), mentres que as pernoitas hostaleiras retroceden levemente (-2,4%) (INE).

Plan Operativo de Turismo do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade
Tras un 2018 moi positivo para as Cidades Patrimonio da Humanidade de España e marcado polas celebracións e actos conmemorativos especiais con motivo do 25 Aniversario da creación do Grupo, o Plan Operativo para 2019 continuará coa liña de promoción, representación e comercialización das 15 Cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial de UNESCO.

Ademais levar a cabo diversas presentacións directas e exposicións, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados: Fitur (Madrid), Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (París), WTM Latin America (Sao Paulo), ITB Berlín e WTM Londres, ITB Asia (Singapur), JATA (Xapón) e CITM (China), entre outras.

Compartir: