FACENDA E PATRIMONIO

Reunión en Alcalá dos concelleiros e concelleiras de Facenda do Grupo de Cidades Patrimonio

09/01/2019 O Concello de Alcalá de Henares acolleu esta mañá unha xuntanza dos concelleiros e concelleiras de Facenda das cidades que integran o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A edila de Facenca, María Rozas, participou nesta reunión, na que continuaron os traballos para cumprir o mandato da Asemblea de Alcaldes do Grupo para a elaboración dun documento que reflicta as necesidades e os custos do mantemento dos centros históricos dos municipios españois Patrimonio da Humanidade.

Ademais de María Rozas, asistiron a esta xuntanza os/as responsables de Facenda de Alcalá de Henares, Fernando Fernández Lara; Ávila, Belén Carrasco; Baeza, Rodrigo Checa; Cuenca, José Ángel Gómez Buendía; Eivissa, Estefanía Torres; Segovia, Jesús García; Tarragona, Pau Pérez; e Úbeda (Javier Gámez).

María Rozas sinalou que nesta xuntanza serviu para "achegar propostas e solucións ao escaso financiamento co que contamos nas nosas cidades en comparación co sobrecusto que temos na conservación do noso patrimonio".

Para o concelleiro de Facenda de Alcalá de Henares, Fernando Fernández Lara, "formar parte deste selecto grupo supón todo un orgullo, pero tamén unha gran responsabilidade", polo que considera que "hai que dar un paso definitivo presentado de forma directa o mandato da Asemblea de Alcaldes aos ministerios competentes, de maneira que constaten que é o que estas cidades supoñen para o conxunto da promoción cultural e turística do país, e o sobreesforzo e sobrecusto que comporta a dedicación de recursos públicos para seguir mantendo a significación de ser unha cidade Patrimonio, de maneira que dende o Estado se poida axudar a manter un financiamento ás corporacións locais das cidades Patrimonio".

Pola súa parte, o edil de Facenda de Tarragona, Pau Pérez, destacou que entre as 15 cidades hai un millón e medio de habitantes, cun orzamento consolidado de máis de 1.500 millóns de euros.

Compartir: