EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Un total de 36 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos participaron durante este Nadal do Programa Municipal de Conciliación

04/01/2019 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, clausurou este venres unha nova edición do Programa Municipal de Conciliación de Nadal, no que participaron 36 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

O Programa Municipal de Conciliación desenvolveuse os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e o 2, 3, 4 e 7 de xaneiro no CEIP Monte dos Postes con servizo de comedor. Este programa ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e ofrece aos nenos e nenas unha alternativa de lecer no tempo libre desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia.

O eixo temático que se seguiu nesta edición foi "O arte no Nadal". Por iso, a través de diferentes actividades, os e as participantes coñeceron as diferentes manifestacións artísticas (pintura, escultura, música, baile, cociña...) tendo como obxectivo fundamental o desenvolvemento da súa creatividade dende un enfoque lúdico e a través de xogos e dinámicas grupais. A coordinadora do programa, Verónica Martínez, sinalou que "o que se pretendeu foi fomentar a creatividade dos nenos e as nenas a través da realización dun mural, xogos de exterior ou pintura e escultura". Pola súa banda, Manuel Dios sinalou que "a idea é ampliar o programa de conciliación ao mes de agosto, respondendo a unha vella demanda educativa e realizar unha única licitación con todos os períodos vacacionais".

Para rematar o ano 2018, os/as participantes realizaron unha saída á pista de xeo instalada na Alameda.

Horarios
No programa puideron participar nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursaran estudos en centros de educación infantil e primaria do municipio. O programa incorporaba dúas modalidades, a de participación en todos os días ou por días soltos.

O horario do programa foi de 9:00 a 16:00 horas. De 9:00 a 14:00 horas realizáronse os obradoiros e actividades, e entre as 14:00 e as 16:00 horas había a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Actuacións no colexio
Durante os últimos meses acometéronse varias actuacións no colexio, destinando 200.000 euros á reforma do pavillón do centro escolar, renovándose a área de xogos infantís e abrindo un novo acceso ao parque contiguo, para ampliar as áreas de recreo infantil. Así, actuouse na fachada, no interior e na cuberta do polideportivo, que contaba con numerosas deficiencias, e tamén se substituíu a carpintería de aluminio do centro, con cargo ao contrato de mantemento dos centros escolares.

Compartir: