CONSORCIO

A RFG celebra este venres o seu tradicional Concerto de Reis cun programa moi popular e festivo

02/01/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional Concerto de Reis. A cita será o venres 4 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel. O ensaio xeral do concerto, que terá lugar o propio venres ás 11:00 horas, estará aberto ao público ata completar o aforamento.

Baixo o título Noites en Viena!, o programa, moi propio destas datas festivas, permitirá facer un percorrido polos valses e as polcas máis populares da familia Strauss. O concerto comezará coa Obertura O morcego, unha opereta cómica de Johann Strauss Jr. (1825-1899), fillo de Johann Strauss e coñecido especialmente polos seus valses. Considerada como unha obra mestra do xénero, soborda humor, enxeño e moita alegría.

A continuación, os músicos e musicas achegarán ao público outras obras de Johann Strauss Jr., como a polca Salve Hungría!, unha das pezas máis antolóxicas do compositor e que adoita interpretarse con frecuencia durante a celebración do Concerto de Ano Novo en Viena; a Polca do cuco; o valse Vida de artista; a popular polca Baixo tronos e lóstregos, que exemplifica o poder da orquestra para remitir a ese fenómeno natural; e o valse Voces de primavera, un tema amplamente empregado ao longo da historia como acompañamento de diversos espectáculos audiovisuais, formando parte en particular da banda sonora de diversas películas.

Composta por Johann Strauss Jr. e polo seu irmán Josef (1827-1870), a orquestra interpretará tamén a Polca Pizzicato, unha obra cargada de humor, coa peculiaridade de que, na súa interpretación, os instrumentos de corda non empregan o arco, senón que os músicos pinzan as cordas cos dedos para facelas vibrar, resultando un son menos ríxido, máis divertido, aludindo aos pasos de baile da polca. Os irmáns Strauss transformaron esta danza folclórica nun elegante e refinado baile para os salóns nobres da alta sociedade.

Soarán ademais -escritas por Johann Strauss Jr.- a Polca do tren; a Polca do Champagne; e a Polca Tritsch Tratsch, un retrato musical da afección vienesa de esparexer rumores e murmuracións representado, con moito sentido do humor, polos murmurios da orquestra e o diálogo vivo entre os diferentes instrumentos. O Concerto de Reis concluirá co seu soado valse O Danubio azul, considerado como o himno non oficial austríaco, música cargada de paixón, melancolía e esperanza.

Compartir: