MOBILIDADE

Mañá xoves entrará en funcionamento o estacionamento público da avenida de Ferrol

19/12/2018 Mañá xoves empezará a funcionar o aparcadoiro público en superficie da avenida de Ferrol, baixo o réxime da ORA de longa duración. Aténdese así a demanda do tecido comercial do barrio, que requiría que se asegurara a rotación do estacionamento.

O aparcadoiro público en superficie na avenida de Ferrol ocupa a parcela que estaba reservada para a construción do novo centro de saúde de Conxo, unha actuación que a Consellería de Sanidade non ten previsto acometer a medio prazo. O estacionamento contará cun total de 72 prazas, das que dúas serán para persoas con mobilidade reducida.

O Concello destinou máis de 95.000 euros ao acondicionamento do aparcadoiro, ao que se accede dende o punto máis afastado do cruce da avenida de Ferrol e a rúa de Conxo de Arriba. O acceso peonil faise a través dun camiño adaptado dende a pequena praza fronte á rúa de Sánchez Freire, ata o paso de peóns da rúa de Conxo de Arriba.

O novo estacionamento estará xestionado pola empresa municipal Tussa, baixo o regulamento da ORA e no réxime de longa duración,. Deste xeito, o tempo máximo de estacionamento será de 240 minutos, cunha tarifa de 1,05 euros. A intención do Goberno é introducir unha bonificación para que a primeira media hora de aparcamento sexa gratuíta, pero iso require a aprobación da modificación da ordenanza reguladora na que se está traballando. O obxectivo é levar o texto ao Pleno da Corporación a comezos de ano.

Compartir: