CONVIVENCIA

O Servizo de Extinción de Incendios estrea uniformes

03/12/2018 O Servizo de Extinción de Incendios vén de estrear unha nova uniformidade, despois de case unha década sen que se adquirira nova roupa para os bombeiros de Compostela. A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, nunha decisión consensuada cos propios traballadores do parque, aproveitou a necesidade de renovar os uniformes para mudar a súa imaxe, con novas cores e coa incorporación do logo do Concello de Santiago.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitou hoxe o Parque de Bombeiros para presentar a nova uniformidade do Servizo de Extinción de Incendios. O edil salientou que "era urxente renovar practicamente toda a roupa dos bombeiros, e aproveitamos esta circunstancia para cambiar tamén a súa imaxe por unha máis recoñecible, moderna e deportiva". O cambio máis chamativo neste sentido é o da cor, posto que os uniformes deixan o histórico azul escuro para pasar a seren vermellos e negros, con bandas amarelas, no caso da "roupa de parque", e mostaza nos "traxes de intervención".

Tecidos desenvolvidos pola NASA
O xefe do Servizo de Extinción de Incendios, Manuel Sanmartín, foi o encargado de explicar as características técnicas da nova uniformidade. Segundo apuntou, os novos traxes de intervención "están confeccionados cun tecido denominado PBI, que foi desenvolvido pola NASA e que ten unha maior resistencia ao fogo, malia a ser máis lixeiro e cómodo".

En canto á roupa de parque, o equipamento elixido segue o modelo que se está introducindo nos parques de bombeiros de todo o Estado, con tecidos ignífugos e coas pezas personalizadas co estudo do parque de bombeiros e o logo do Concello de Santiago. Ademais, adquiríronse novos uniformes específicos para traballos de corte con motoserra; roupa impermeable específica para vadeadores que teñen que actuar en traballos de achique e asolagamentos, traxes de augas e traxes para traballos relacionados coa retirada de niños de velutinas.

Compartir: