XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o Programa Municipal de Conciliación de Nadal

09/11/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a memoria do Programa Municipal de Conciliación de Nadal, que se desenvolverá nos CEIPs Monte dos Postes e Raíña Fabiola. O prazo de inscrición estará aberto do 16 ao 30 de novembro.

O programa de Conciliación de Nadal está dirixido a nenos e nena que cursen os seus estudos nos centros de Infantil e Primaria de Santiago, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse nos CEIPs Monte dos Postes e Raíña Fabiola os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro de 2018, e o 2, 3, 4 e 7 de xaneiro de 2019. O horario será de 9:00 a 14:00 horas, se ben se ofrece servizo de madrugadores con almorzo, dende as 7:45, e comedor, ata as 16:00 horas.

O prazo de matriculación no programa será do 16 ao 30 de novembro, e as admisións realizaranse por orde de entrada no Rexistro Municipal. Como é habitual, haberá descontos para familias numerosas, familias monoparentais e cando participen dous irmáns no programa, así como para familias con escasos recursos.

Subvencións e convenios
A Xunta de Goberno tamén resolveu hoxe a concesión de subvencións para a promoción e dinamización comercial. Recibirán as axudas tres colectivos da cidade: Compostela Monumental, cunha achega de case 30.000 euros; Santiago Centro, 17.600 euros, e Em-Rede, 2.700 euros.

Tamén se resolveu a convocatoria de subvencións por mor das festas patronais en barrios e parroquias. As axudas suman 24.000 euros, e son 32 as entidades beneficiadas. Por último, aprobáronse cadanseu convenio co Mercado de Abastos, por 10.000 euros, e con Cogami, por 15.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: