DEPORTE

O Estadio de San Lázaro será renomeado como Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro

08/11/2018 A Comisión de Condecoracións aprobou no día de hoxe o cambio de denominación do campo de fútbol de San Lázaro, que pasará a chamarse Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro. Así o explicaron esta mañá as concelleiras Noa Morales, María Corral, Milagros Castro e Goretti Sanmartín nunha rolda de prensa.

Trátase dunha proposta unánime da Corporación que irá ao Pleno deste mes de novembro para rematar de facela oficial. Tal e como sinalou a edila de Deporte, "na nosa cidade, ademais de numerosos equipamentos deportivos, temos a honra de contar con importantes figuras deportivas como a futbolista Verónica Boquete que é, sen dúbida, unha das mellores futbolistas da historia da nosa cidade, do noso país e do conxunto do Estado".

A compostelá, que actualmente xoga no Beijing BG Phoenix da Superliga china, escribiu o seu nome na historia converténdose na primeira futbolista española que xogou como internacional na Champions en 2014, e foi tamén a primeira en gañar a máxima competición continental. En 2015 foi a elixida para dar o pregón das festas do Apóstolo, no que apelou o seu orgullo por levar o nome de Compostela polo mundo.

Unha carreira chea de méritos deportivos
Entre os campionatos disputados destacan a Copa da Raíña, W-League, Damallsvenskan, Eurocopa sub-19, Liga de Campións, Copa de Algarve e dous Mundiais. Ademais, dende 2015, Verónica Boquete é embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino, labor que leva a cabo tamén na súa cidade natal, Santiago de Compostela, a través do campus que leva o seu nome. Recentemente, foi homenaxeada na delegación da Federación Galega de Fútbol, onde se dedicou unha das aulas de formación á súa figura deportiva.

Polo tanto, "trátase da mellor xogadora de fútbol en activo da nosa cidade, que exerce de exemplo de deportividade e motivación para as crianzas. A súa figura é unha referencia moi relevante para o fútbol de base de Compostela, e especialmente para o fútbol feminino, un deporte que leva tempo loitando para ter o mesmo recoñecemento e visibilidade que o masculino", lembrou a concelleira. Neste senso, as traxectorias profesionais de deportistas como Verónica Boquete son as que están consolidando o auxe do fútbol feminino. Isto, xunto coa súa paixón polo fútbol e os valores que transmite, repercuten moi positivamente na actitude das nenas cara a este deporte tan masculinizado, desafía os roles tradicionais de xénero e favorece claramente a igualdade de xénero.

Os catro grupos da Corporación entenden que o mellor xeito de recoñecer a impresionante traxectoria profesional desta futbolista compostelá, así como a súa influencia positiva na sociedade e a súa gran implicación na nosa cidade co fútbol base masculino e sobre todo feminino, sería que o Estadio de San Lázaro levase o seu nome, pasando a chamarse Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro.

Compartir: