CENTROS CÍVICOS

Volven os circuítos saudables organizados pola Rede de Centros Cívicos

07/11/2018 A Rede de Centros Cívicos volve poñer en marcha o programa Circuítos Saudables, cun total de nove roteiros nos meses de novembro e decembro. A concelleira Concha Fernández presentou hoxe a actividade, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo seu coordinador, Antonio Romaní.

Os Circuítos Saudables, que arrincaron xa o pasado sábado cun primeiro roteiro polo Camiño Portugués, "están pensados para que a veciñanza coñeza mellor o noso municipio ao tempo que realiza unha actividade física apta para todos e todas". Para iso "propóñense camiñadas sinxelas, de entre 10 e 12 quilómetros e cun tempo de duración estimado de tres horas". A concelleira de Centros Cívicos explicou que esta actividade "está xa consolidada no calendario da rede, e é sempre unha das propostas con mellor acollida entre a veciñanza". Concha Fernández lembrou que "durante a época do bo tempo, os roteiros organízanse nas tardes de luns a xoves, pero no inverno optamos por ofertalos nas mañás de sábado para favorecer a asistencia".

Antonio Romaní explicou que os roteiros están deseñados "para que poida participar calquera persoa que estea un pouco habituada a camiñar". Apuntou ademais que en cada un dos circuítos "participan unha media de vinte persoas, pero xa hai lista de agarda para algunha das propostas, polo que estamos xa pensando en ampliar o programa".

Coñecer os Camiños e os parques
Nesta quenda dos Circuítos Saudables, os e as participantes poderán coñecer mellor dous dos elementos singulares do municipio: os tramos composteláns dos diferentes Camiños de Santiago e máis "os parques e zonas verdes que teñen un carácter menos urbanos e que por iso son quizais menos frecuentados".

Así, ao longo do mes de novembro, o programa centrarase nas diferentes rutas xacobeas. O próximo sábado, día 10, o roteiro será polo Camiño de Fisterra; o sábado 17 polo Camiño Francés, e o sábado 24 polo Camiño Romano. Xa en decembro, os roteiros programados serán pola ruta dos parques, o sábado 1; polo Monte Viso e o Gaiás, o venres 7; polo Banquete de Conxo e Angrois, o sábado 15; pola Selva Negra e o Monte Pedroso, o sábado 22; e polo Sarela Norte e o Monte Pedroso, o sábado 29.

As saídas serán sempre ás 10:30 horas dende o palco de música da Alameda, e a hora prevista para o remate da actividade serán as 13:30 horas. Para participar nos Circuítos Saudables é preciso inscribirse no Centro Cívico do Ensanche ou no teléfono 981 543 001.

Compartir: