CONVIVENCIA

O Goberno compostelán reclama medidas excepcionais para ampliar o persoal da Policía Local

06/11/2018 A tenenta de alcalde, María Rozas, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, reuníronse hoxe en Madrid co director xeral da Función Pública, Javier Rueda. Foi para solicitar "que se estuden solucións excepcionais para que Santiago poida contratar máis policías locais, tendo en conta as características especiais da cidade e o reto que suporá o Xacobeo 2021, tamén en materia de seguridade". Na xuntanza, Rueda mostrouse sensible coas peticións de Santiago e comprometeuse a analizar as alternativas.

Na reunión, Xan Duro e María Rozas explicaron que a Policía Local conta na actualidade con 133 efectivos, fronte aos 174 de 2004. Ademais da escaseza de persoal, "o corpo está envellecido, cunha idade media que ronda os 50 anos, o que se traduce nun maior nivel de baixas laborais e no aumento de efectivos en segunda actividade". A todo iso engádese a posibilidade de que "os policías se xubilen aos 60 anos, tal e como se recolleu na Lei de Orzamentos do Estado de 2018, e que no caso de Santiago podería facer perder 31 policías nos vindeiros anos".

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia insistiu en que "Santiago ten unhas características especiais, que non teñen que ver coas dunha cidade de menos de 100.000 habitantes". Entre esas características, Xan Duro recordou que "a poboación de feito non se corresponde con censo por mor da poboación universitaria; o feito de ser a capital de Galicia fai que a cidade acolla centos de actos reivindicativos e eventos culturais, e a súa condición de destino turístico de primeiro nivel incrementa notablemente as necesidades de Santiago en materia de seguridade".

Para paliar a situación, Xan Duro e María Rozas propuxeron que se procuren solucións alternativas "tendo en conta que o marco lexislativo actual impide recuperar as prazas amortizadas en anos anteriores". Os dous concelleiros insistiron en que "non ten ningún sentido que a lei non permita a contratación de efectivos apelando á contención do gasto, ao tempo que si permite gastar os mesmos ou máis cartos no pago de horas extras".

Bombeiros
Os concelleiros aproveitaron a xuntanza para formular tamén as demandas de Santiago en relación ao corpo de Bombeiros, que tamén debera incrementarse sensiblemente para a comaecalización do parque. Nesa liña, ambos defenderon que "este será un servizo novo que non se viña prestando e, xa que logo, debera permitirse a contratación de persoal"

O director xeral da Función Pública mostrouse sensible coas necesidades de Santiago e recoñeceu que as cifras de efectivos son insuficientes para a capital galega. Javier Rueda comprometeuse a explorar as diferentes posibilidades para responder ás demandas de Compostela.

Compartir: