TURISMO

Turismo de Santiago participa por primeira vez na Global European Marketplace de Londres

02/11/2018 Turismo de Santiago participa este ano por primeira vez na Global European Marketplace de Londres, un prestixioso punto de encontro de profesionais que se celebra este 2 de novembro. Neste evento participan 400 provedores europeos, que foron elixidos baixo a temática "European Lifestyle", e 350 grandes compradores turísticos globais, con gran presenza de compradores asiáticos e estadounidenses.

Turismo de Santiago participa convidada pola European Tour Operators Association, que considera que a cidade é un destino potencial para os grandes mercados asiáticos e norteamericanos. O persoal de Turismo de Santiago terá trinta reunións personalizadas con compradores seleccionados pola European Tour Operators Association, que na súa maioría serán dos mercados chinés e estadounidense.

O mercado chinés está experimentando unha rápida e profunda transformación como consecuencia do aumento da clase media, da axilización na política de tramitación de visados e da constante apertura de rutas aéreas directas con destinos internacionais. Actualmente, só o 10% da poboación dispón de pasaporte. Prevese que no ano 2025 serán 150 millóns de cidadáns chinos os que disporán del, de forma que as viaxes internacionais alcanzarán os 220 millóns.

Fronte ao tradicional perfil do turista chinés, nos últimos anos vénse observando un novo perfil: os millennials, mozos e mozas de clase media-alta que están transformando radicalmente o turismo emisor chinés. Os produtos máis solicitados cando viaxan a Europa son: arte e cultura, compras, gastronomía e turismo urbano. Neste sentido, Santiago ten a oportunidade de posicionarse no mercado chinés como un destino urbano no que descubrir o modo de vida europeo.

Ademais, nos últimos anos estase vivindo un crecemento moi importante no número de persoas que fan o Camiño de Santiago procedentes de China. Ata esta década, o Camiño de Santiago apenas tiña presenza no mercado chinés. O número de peregrinos era moi reducido.

No ano 2005 houbo apenas 5 peregrinos chineses. Pero dende este ano hai un crecemento constante que permitiu que o ano pasado se superase por primeira vez a cifra de máis de 1.000 peregrinos chineses. En concreto, houbo 1.045. O obxectivo é que este crecemento continúe nos vindeiros anos, e que se traduza tamén nun crecemento do atractivo de Santiago como destino turístico urbano europeo, máis alá do propio Camiño.

Documentos relacionados



Compartir: