ACCIÓN CULTURAL

A Concellaría de Acción Cultural e AELG colaboran nun obradoiro de creación teatral

28/09/2018 A Concellaría de Acción Cultural pon en marcha un obradoiro de creación teatral, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. O curso, de carácter gratuíto, será impartido polo dramaturgo Afonso Becerra de Becerreá.

Esta será a segunda edición do curso A palabra na dramaturxia posdramática. Trátase dun obradoiro de exploración e creación teatral, dirixido a actrices e actores, bailarinas e bailaríns, dramaturgas, directoras de escena e persoas afeccionadas ás artes escénicas en xeral. O obradoiro está concibido para ser desenvolvido con equipas artísticas de traballo de cando menos tres persoas. O número máximo de participantes será de 15.

O encargado de impartir o curso, Afonso Becerra de Becerreá, é licenciado en Arte Dramática, na especialidade de dirección de escena e dramaturxia, polo Institut del Teatre de Barcelona. É tamén titulado en Interpretación polo ITAE, Instituto del Teatro y de las Artes Escénicas do Principado de Asturias, e mestrado en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Exerce a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde imparte clases de Dramaturxia.

O obradoiro é gratuíto, e a inscrición poderá realizarse do 1 ao 12 de outubro, a través do correo electrónico proxectoscultura@santiagodecompostela.gal. A actividade terá 20 horas de duración, distribuídas nas mañás dos sábados de
outubro, novembro e decembro.

Compartir: