RELACIÓNS VECIÑAIS

O Concello destina 100.000 euros para que as asociacións veciñais poidan desenvolver actividades de interese xeral

01/08/2018 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, deu conta esta mañá da apertura do prazo para que as asociacións veciñais sen ánimo de lucro de Compostela poidan solicitar as subvencións para desenvolver actividades de interese xeral.

As bases, que foron publicadas o pasado xoves no BOP, "teñen por obxecto establecer as normas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas ás asociacións veciñais do Concello de Santiago para o desenvolvemento de programas e actividades que favorezan a participación entre a veciñanza", tal e como explicou o edil. Ademais, tamén serán subvencionables os gastos de funcionamento necesarios para o cumprimento dos fins propios das asociacións e para o desenvolvemento das actividades obxecto de subvención.

A contía das axudas ascende a 100.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de agosto. Poderán optar a estas axudas as asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello que estean ao corrente nas súas obrigas coa Administración e que cumpran os requisitos marcados pola Lei de Subvencións.

Dous tipos de gastos
As subvencións están dirixidas a dous tipos de gastos, ou ben de actividades ou de funcionamento. Dentro do primeiro bloque destacan gastos tales como prestación de servizos de información e asesoramento, comunicación e divulgación, obradoiros, cursos, charlas, coloquios, conferencias, actividades vencelladas á participación da cidadanía e apoio a outros colectivos do barrio ou outros temas relacionados coa igualdade, sustentabilidade, condutas cívicas de limpeza, orde e coidado do barrio ou atención a sectores con dificultades,

O segundo tipo de gasto é o relacionado co funcionamento, estando estes limitados ao 20% dos gastos de actividades e incluíndo pequenos arranxos e gastos de mantemento e conservación no local sociocultural municipal que usa a asociación, gastos de mantemento e conservación, gastos do teléfono móbil e material funxible (folios, grampas, lapis...).

O importe subvencionable será, como máximo, o 80% do orzamento de gastos que se detalle ata un máximo de 3.000 euros por asociación.

Solicitudes
As asociacións interesadas deberán presentar a solicitude que se recolle no Anexo I, asinada polo representante da entidade. A solicitude de subvención deberá presentarse acompañada de todos os documentos que se inclúen no modelo Anexo I b como a certificación orixinal de titularidade da conta bancaria, na que figure a asociación veciñal como titular e se faga constar o número de conta en formato IBAN e máis o código BIC da entidade bancaria, así como copia do DNI da persoa que asine a solicitude.

O lugar de presentación das solicitudes será o Rexistro Xeral do Concello, ubicado en Salvador Allende, 4, ou no Rexistro Auxiliar do Ensanche.

Direcciones relacionadas



Compartir: