POLÍTICAS SOCIAIS

Integrantes do Programa de Envellecemento Activo representan este domingo "Don Juan", da man de Voadora, no Teatro Principal

11/02/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá en rolda de prensa a obra de teatro Don Juan, que o grupo Voadora Teatro representará o domingo 14 de febreiro, ás 18:30 horas, no Teatro Principal.

Concha Fernández estivo acompañada pola directora da peza, Marta Pazos, por dous dos seus actores, Lourdes Santos e Xesús Sordo, que se amosaron "encantados" de ter participado deste proxecto, enmarcado dentro do Programa de Envellecemento Activo do Concello de Santiago.

Trátase dun proxecto "moi especial, que se marca tres obxectivos: un artístico, un social e un de visibilización das persoas maiores, rompendo os estereotipos existentes". Con estas tres premisas, a directora da obra, Marta Pazos, decidiu elixir o Don Juan de Molière como base para a peza teatral.

Concha Fernández aproveitou a ocasión para "animar a todos e todas a que asistan este domingo ao Teatro Principal a partir das 18:30 horas, xa que se trata dun proxecto que quere xerar oportunidades para homes e mulleres maiores como forma de revitalizarse".

Na obra participan 8 homes e 16 mulleres que estiveron a traballar 15 horas á semana durante 3 semanas. As entradas son de balde e poden recollerse na billeteira do Teatro Principal ata un máximo de dúas por persoa.

Compartir: