FESTAS

Carrozas, comparsas e charangas encherán de música e cor as rúas de Santiago de Compostela no desfile do martes de Entroido

08/02/2016 O desfile do martes de Entroido contará mañá martes coa participación de 15 comparsas, 7 carrozas, 8 grupos, 7 parellas e 16 persoas a título individual, que percorrerán as rúas de Santiago para facerse co premio ao mellor disfrace.

Este ano, os premios están valorados en 15.000 euros e repártense do seguinte xeito: 3.000 euros para a mellor carroza, 2.000 para a segunda e 1.000 para a terceira; 2.400 euros para a mellor comparsa, 2.000 para a segunda e 1.000 para a terceira; 400 euros para a parella que teña o mellor disfrace e 800 euros para o mellor grupo, 400 para o segundo e 200 para o terceiro. Ademais, haberá tres premios especiais para a mellor comparsa valorados en 1.200, 600 e 400 euros.

O desfile comezará, como todos os anos, ás 16:30 horas coa concentración de carrozas, comparsas e charangas na Estación de Ferrocarril. Dende alí discorrerá polas rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I.

O concerto de Sergio Tannus Trío co seu Son Brasilego cambiará de localización. Estaba previsto que tivese lugar a partir das 20:00 horas no Paseo Central da Alameda, pero celebrarase finalmente no Teatro Principal, onde se procederá tamén á entrega de premios.

Cortes de tráfico
Con motivo da celebración deste desfile, este martes 9 de febreiro quedará prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas polas que se desenvolverá o devandito desfile entre as 14:00 horas e o remate.

Así mesmo, produciranse cortes intermitentes de tráfico nas mesmas rúas, polo que se recomenda na medida do posible evitar circular pola zona do Ensanche na tarde deste martes de Entroido e seguir as indicacións da Policía Local e dos paneis informativos de tráfico.

A concentración das carrozas comezará a partir das 16:30 horas na Estación de Ferrocarril. Unha vez efectuada a descarga os vehículos desprazaranse á rúa Marqués de Sargadelos, onde terán espazo reservado.

O desfile comezará as 17:30 horas e continuará polas seguintes rúas: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I. Neste último punto as comparsas xirarán cara á Alameda e as carrozas continuarán cara á rúa Rosalía de Castro e avenida da Coruña ata a rúa Marqués de Sargadelos (zona próxima ao estanque).

Recoméndase aos condutores que se despracen en dirección Norte-Sur que eviten o centro da cidade, circulando pola avenida de Lugo (SC-20) e interior do túnel do Hórreo.

Queima do Meco
A programación do Entroido concluirá o mércores 10 de febreiro co acompañamento do Meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa. Percorrerá, a partir das 20:00 horas, a rúa Nova, Vilar, Senra, Doutor Teixeiro, República do Salvador e praza Roxa. A comparsa A Ruliña de Laraño participará neste desfile, ao que se prega que os e as acompañantes vistan de rigoroso loito para a ocasión. Ás 21:00 horas será a festa final coa queima do Meco na praza Roxa, que estará animada pola Banda Municipal de Música e a Ni Fu Ni Fa.

Direccións relacionadas



Compartir: