ALCALDÍA

A próxima semana comezarán os traballos para eliminar as fochancas máis perigosas

05/02/2016 A próxima semana comezarán os traballos de reparación dalgunhas das fochancas máis graves da cidade. Anunciouno o alcalde, que explicou que o Concello habilitou un procedemento de emerxencia para poder actuar nos puntos que, segundo informes da Policía Local, son perigosos para a seguridade viaria. Martiño Noriega explicou que "as obras nas fochancas continuarán nos próximos meses, a través doutros procedementos que xa están tamén en tramitación".

As primeiras obras nas fochancas vanse poder executar grazas a que o Goberno local activou un procedemento pola vía de emerxencia, botando man de informes da Policía Local que demostran que o estado dos viarios supón un risco para a seguridade. Martiño Noriega explicou que o calendario dos traballos estase deseñando en función das condicións meteorolóxicas, de xeito que "as primeiras actuacións terán lugar en puntos con solo de lastras, nos que a chuvia é menos prexudicial". Sería o caso, por exemplo, de Lamas de Abade. A partir do mércores, estímase que poderían comezar as reparacións en viarios asfaltados, e probablemente se actúe en primeiro lugar na zona da Pastoriza-Os Basquiños.

De xeito paralelo, o Goberno local está tramitando os trámites de dous contratos, por un importe total de 150.000 euros, que permitirá reparar outras fochancas que tamén se consideran graves, pero das que non hai informes policiais. Por último, explicou o alcalde, "unha vez estean aprobados os orzamentos municipais de 2016 poderanse activar novos procedementos". Martiño Noriega lembrou que o proxecto que o Executivo está negociando coa oposición "prevé duplicar as partidas para mantemento, con respecto a 2015".

Estación intermodal
Na rolda de prensa na que deu conta dos acordos da Xunta de Goberno, o alcalde mostrou a súa satisfacción polos resultados da reunión celebrada onte en Madrid, para falar da futura estación intermodal de Santiago. Martiño Noriega agradeceu a dilixencia coa que foi convocado este encontro, que lle fora reclamado reiteradamente á ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, por parte do Concello. O rexedor entende que na reunión se "amosou unha boa predisposición para atender as demandas que levaba meses facendo o Goberno compostelán, en relación a deseñar un proxecto que sexa máis que unha solución ferroviaria, que garanta unha boa integración das estacións do ferrocarril e do autobús, e que contemple as pasarelas peonís para conectar as dúas zonas da cidade divididas pola infraestrutura". Nese sentido, Martiño Noriega entende que "se limaron algunhas descoordinacións, e que despois da reunión de onte hai máis garantías de que teremos a intermodal que precisa a cidade".

Acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno de hoxe deu conta da achega aportada pola Consellería de Traballo e Benestar no marco do Plan concertado de Servizos Sociais, para as escolas infantís municipais. A transferencia finalista será dun total de 78.200 euros, dos que 18.400 son para a Escola Infantil Municipal de Conxo, unha cantidade idéntica para a de Fontiñas, e 41.400 euros para a Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños.

Aínda en materia de educación, a Xunta de Goberno manifestou a conformidade do Concello á proposta da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de modificación das zonas de escolarización en Santiago. Esa modificación supón a ampliación das áreas de influencia dos centros privados concertados no centro da cidade, a ampliación das zonas do CEIP Pío XII, na que se engade a zona de Romero Donallo, e do CEIP Quiroga Palacios, que asume a rúa Santiago de Chile.

Documentos relacionados



Compartir: