TURISMO

Aríns e O Eixo celebran esta fin de semana o Entroido dos Xenerais da Ulla

05/02/2016 O Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, chega esta fin de semana a dúas parroquias de Santiago: Aríns e O Eixo. En Aríns, o atranque será o sábado, ás 18:30 horas, no campo da festa, na rúa San Martiño. No Eixo será o domingo, no campo da festa da parroquia, ás 19:00 horas. Na pasada fin de semana xa tiveron lugar os atranques de Marrozos e Angrois.

O Entroido dos Xenerais da Ulla é unha festa tradicional da Comarca da Ulla, que remonta as súas orixes a mediados do século XIX. As personaxes máis importantes desta celebración son os "xenerais" e os "correos", que percorren a cabalo as parroquias ao longo do día, dando "vivas" a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.

Este percorrido polas parroquias remata nun "atranque" ou "alto", enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitando para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou mesmo do corazón, sucedidos ao longo do ano. Dunha parroquia a outra o Entroido da Ulla presenta poucas diferencias, mantendo en cada unha delas os mesmos trazos definitorios que os fan únicos.

Nesta ano, ademais da promoción que se fai dende Turismo de Santiago como nos últimos anos, por primeira vez, o Departamento de Festas do Concello habilitará unha carpa nos lugares das parroquias onde se celebran os atranques dos Xenerais da Ulla en Santiago, enchéndoa de diferentes actividades, dedicadas especialmente ao público infantil. As catro parroquias son Marrozos e Angrois, e Aríns e O Eixo, que celebrarán os seus altos os días 6 e 7 de febreiro, respectivamente.

O día dos atranques haberá en cada unha das parroquias obradoiros de confección de chaquetas e gorros dos "xenerais" e "correos" para os máis pequenos. Ademais, unha hora antes dos "atranques" haberá en cada parroquia unha representación de monicreques xigantes relacionada co Entroido dos Xenerais da Ulla.

Esta fin de semana continúa o Entroido dos Xenerais en varios concellos da Comarca do Ulla, Silleda, Teo, Vila de Cruces, A Estrada, Boqueixón e Vedra. Tamén comeza o programa gastronómico deseñado conxuntamente entre os concellos da Comarca para fomentar o turismo gastronómico de temporada. Toda a información sobre o Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com.

Compartir: