ALCALDÍA

O alcalde anuncia o inicio do procedemento para cubrir dúas prazas de Dirección de Área

05/02/2016 O alcalde, Martiño Noriega, anunciou este mediodía o inicio dun procedemento "transparente e publicitado" para cubrir dúas prazas de Dirección de Área no Concello de Santiago. Unha delas estará vinculada ao Departamento de Espazos Cidadáns, e a outra estará adscrita á Alcaldía, con competencias en materia de persoal e contratación e cun perfil xerencial.

Martiño Noriega lembrou que o Goberno local decidiu ao comezo do mandato suprimir as cinco direccións de área que foran creadas polo anterior executivo do Partido Popular, e que supoñían un custo anual de 367.000 euros. Tres das prazas foron amortizadas no proxecto de orzamentos do 2016, máis as outras dúas mantivéronse ao considerar, o Goberno, que poderían ser necesarias no caso de encontrar os perfís axeitados. Agora, explicou o alcalde, decidiuse cubrir eses dous postos "porque van supoñer un valor engadido e mellorarán sensiblemente o funcionamento do Concello". Noriega xa informou desta decisión tanto aos voceiros da oposición como aos representantes dos traballadores.

O alcalde explicou que o anuncio do procedemento para cubrir as dúas Direccións de Área será publicado no BOP e no DOG, de xeito que se estima necesario un prazo dun mes para rematar o trámite e que as prazas sexan cubertas. Aclarou tamén que "estamos ante dous postos de confianza, se ben a adxudicación se quere facer baixo un criterio de transparencia e publicidade, e coa seguridade de que as persoas designadas cumpren todos os requisitos para ocupar as direccións de área".

Compartir: