DEPORTE

Preto de 300 judokas daranse cita esta fin de semana no Trofeo de Judo Cidade de Santiago

05/02/2016 A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou esta mañá en rolda de prensa o VIII Trofeo "Cidade de Santiago", que reunirá a preto de 300 judokas esta fin de semana. Na rolda estivo acompañada por Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo, e Javier Rial, presidente do Compostela Judo Club.

O Pavillón Municipal de Santa Isabel acollerá o sábado 6 a Copa de España "A" infantil, tanto na súa categoría masculina como feminina. Dará comezo as 10:00 horas e as finais disputaranse a partir das 15:30 horas. O domingo será a quenda do Campionato de Galicia Júnior Masculino e Feminino. A competición comezará ás 16:00 horas e as finais celebraranse a partires das 18:30 horas.

Máis de 400 persoas entre deportistas, técnicos, árbitros e delegados desprazaranse a Santiago estes dous días de deporte, nun trofeo organizado polas Federacións Galega e Española e os patrocinios da Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Santiago. A concelleira de Deportes animou á veciñanza "a achegarse esta fin de semana a Santa Isabel e disfrutar con este deporte".

II Copa de España Infantil
Encádrase dentro do sistema de competicións nacionais, anuais e puntuables, establecido pola Real Federación Española de Judo como sistema de clasificación para o campionato de España.

Dada a importancia desta nova competición, a Federación Galega decidiu propoñer ao Concello de Santiago o ano pasado como organizador desta Copa con dous claros obxectivos. Por unha banda, que Santiago fose o primeiro en organizar unha Copa de España infantil en Galicia para dar prestixio e imaxe a cidade e consolidar, difundir e promocionar este deporte na cidade. Por outra banda, para permitir que os nosos judokas máis novos compitan con deportistas de nivel nacional e internacional en Galicia co apoio do seu público.

O obxectivo pasa por conseguir que Santiago acolla en vindeiras citas unha Supercopa, a categoría máis importante do judo en España.

Documentos relacionados



Compartir: