ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

O Concello, a Xunta e o Ministerio de Fomento avanzan na coordinación para a construción da estación intermodal

04/02/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, reuniuse hoxe en Madrid co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, e coa directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, para coordinar actuacións para o desenvolvemento da futura intermodal de Santiago. O encontro, no que tamén participaron representantes do ADIF, viña sendo demandado do Concello de Santiago despois de comprobar que non existía coordinación entre os proxectos da estación ferroviaria e da de autobuses.

Jorge Duarte avaliou positivamente a reunión, porque "se avanzou na idea de que Compostela dispoña dunha infraestrutura que vaia máis alá das solucións ferroviarias, actualmente previstas, e que estea á altura das súas necesidades e dos retos do futuro máis inmediato". O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que na xuntanza se analizou un proxecto inicial que "aínda que non satisfai todas as conexións peonís que demanda o Concello, si deixa espazo para poder acometer unha actuación integral".

As tres administracións acordaron reunirse de novo en marzo, para analizar máis polo miúdo o proxecto do Ministerio de Fomento para a infraestrutura ferroviaria e para a súa integración no conxunto dunha auténtica estación intermodal. Jorge Duarte valorou positivamente que a Xunta e o ADIF asumiran que "o Concello de Santiago ten que liderar e debe ter poder de decisión sobre o proxecto que finalmente se execute, pola importancia que terá esta peza para a cidade, dende o punto de vista do urbanismo e da mobilidade".

Concello, Xunta e Ministerio de Fomento tamén revisaron o borrador de convenio redactado polo Goberno galego a finais do ano pasado, que recollía as actuacións que lle corresponderían a cada administración nesta nova infraestrutura. O documento non se asinará ata que se celebre unha nova xuntanza entre as tres partes.

Compartir: