ESPAZOS CIDADÁNS E CONVIVENCIA

A segunda fase das obras da rúa Montero Ríos obrigará a cortar dende o vindeiro luns o tramo entre Rosalía de Castro e Rapa da Folla

04/02/2016 O vindeiro luns, 8 de febreiro, iniciarase a segunda fase das obras de humanización da rúa Montero Ríos. Os traballos obrigarán a cortar totalmente, durante un período aproximado de dous meses, o tramo comprendido entre as rúas Rosalía de Castro e Rapa da Folla. Só poderán acceder os vehículos dos garaxes afectados.

Os vehículos que circulen pola rúa da Rapa da Folla ou pola rúa Nova de Abaixo non poderán facer o xiro cara o devandito tramo para saír á avenida Rosalía de Castro. Por este motivo, deberán seguir pola rúa Montero Ríos en dirección á praza de Galicia.

A zona de carga e descarga existente neste tramo en obras reubicarase no propio cruce coa avenida de Rosalía de Castro. Con este fin, eliminarase a zona de aparcamento de motos e ampliarase o espazo ao longo do paso de peóns.

Humanización de Montero Ríos
O proxecto de humanización de Montero Ríos ten como obxectivo gañar espazo para os peóns e reducir o tráfico na zona. Para iso, ampliaranse notablemente as beirarrúas. Na actualidade, o seu ancho oscila entre os 1,80 metros no tramo máis próximo a Rosalía de Castro e os 2,60 metros. Despois das obras, non baixarán dos 3 metros, as dimensións que se consideran mínimas para os peóns. A calzada será de 3,20 metros.

Ademais, a presenza dos vehículos reducirase ás zonas de carga e descarga que estarán á mesma altura que a beirarrúa. Haberá un total de cinco zonas ao longo da rúa, que equivalen a unhas 26 prazas. Fora do horario de carga e descarga, esas áreas recupéranse para os peóns, conseguindo beirarrúas de ata seis metros, aínda que poderán ser utilizados como lugar de parada para calquera vehículo, por períodos de tempo que non superen os cinco minutos.

Tamén se crean dous espazos para o aparcamento de bicicletas (con 12 prazas no cruce con Xeneral Pardiñas e 16 no cruce con Rapa da Folla) e tres áreas para o aparcamento de motos, cun total de doce prazas. Desaparecen as prazas de aparcamento reguladas polo sistema da ORA (42), e mantense a ubicación e as dimensións da parada de taxis, no tramo máis próximo a Doutor Teixeiro.

Un dos cambios máis salientables que sufrirá a rúa ten que ver co cruce entre Montero Ríos e Xeneral Pardiñas, que vai ver elevada a súa cota para marcar con claridade que os peóns teñen prioridade sobre os vehículos. O tratamento deste punto da rúa daralle unha estética próxima á dunha praza, e alonxada dun simple cruce. Niso xogarán un importante papel o arborado e o mobiliario urbano, que vai ser renovado ao longo de toda a rúa, con novos bancos, papeleiras e luminarias. Tamén está prevista a instalación dunha illa de colectores soterrados.

O proxecto de humanización de Montero Ríos, adxudicado á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L., conta cun orzamento de 1.220.820,79 euros (IVE incluído).

Compartir: