MEDIO AMBIENTE

O edil de Medio Ambiente defende en Madrid o proxecto da Vía Verde Santiago-Ordes

04/02/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia volveu defender onte en Madrid o proxecto da Vía Verde Santiago-Ordes, que o Goberno local está intentando recuperar en colaboración cos concellos de Oroso e Ordes. Aproveitando a súa viaxe para recoller un premio no Ministerio de Agricultura, Xan Duro mantivo dúas reunións con ADIF e coa Fundación de los Ferrocarriles Españoles, para lles pedir o seu apoio a unha actuación da que se empezou a falar en 2008.

En primeiro lugar, o concelleiro de Medio Ambiente reuniuse co subdirector de Xestión Patrimonial do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias. Carlos Dufour mostroulle a Xan Duro o seu interese en proxectos que permitan recuperar para o uso da veciñanza antigas vías do ferrocarril en desuso. Iso sí, advertiu que a decisión última depende do Ministerio de Fomento, que ten que aclarar se considera que o tramo Santiago-Ordes podería ser recuperado para algún tipo de uso ferroviario, o que dificultaría a desafección dos terreos e o seu acondicionamento como zona verde. O responsable de ADIF comprometeuse a facer a consulta co Ministerio, como paso previo indispensable para seguir avanzando no proxecto.

Xan Duro tamén se reuníu coa xerente da área de Vías Verdes e Medio Ambiente da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, a entidade que está a xestionar este tipo de tramos. Carmen Aycart explicou que era coñecedora do proxecto da Vía Verde Santiago-Ordes, e sinalou que a Fundación tería interese en colaborar no acondicionamento, sempre e cando o Ministerio de Fomento confirme que os terreos poden ser desafectados. Tamén lle deu conta ao concelleiro de Medio Ambiente do éxito que están a ter estas rutas, que reconverteron máis de 2.400 quilómetros de infraestruturas ferroviarias por todo o Estado e que están a supoñer un revulsivo turístico e económico para moitas zonas, sobre todo rurais.

Estacionamento de Cornes
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia aproveitou a reunión cos responsables de ADIF para solicitar a cesión temporal dunha parcela situada ao carón da Casa das Asociacións de Cornes, para que poida ser utilizada como aparcadoiro mentres duren as obras do túnel de Conxo. Xan Duro lembrou o malestar da veciñanza e dos comerciantes do barrio polo atraso na actuación, e explicoulle ao subdirector de Xestión Patrimonial de ADIF que un estacionamento temporal é unha das súas principais demandas. O Administrador de Infrestructuras Ferroviarias comprometeuse a estudar a petición.

Compartir: