ACCIÓN CULTURAL

Homenaxes musicais a Shakespeare e Cervantes na axenda cultural de febreiro

03/02/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou este mércores a axenda cultural do mes de febreiro. Música, teatro e arte conforman unha programación con espectáculos para todos os públicos.

Abre o calendario musical unha cita co directo solvente de La M.O.D.A, que chega este xoves ao Teatro Principal para presentar novo álbum, titulado La primavera del invierno. Co Hamlet de Shostakovich narrado por Luis Tosar, a Real Filharmonía de Galicia, dirixida polo mestre Paul Daniel, celebrará este mes o 400º aniversario da morte de Shakespeare. A orquestra será tamén a encargada de pechar musicalmente febreiro (luns 29) cun concerto excepcional para celebrar o seu 20ª aniversario, baixo a dirección do que fora o seu primeiro director titular, o mestre Helmuth Rilling.

Dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa! o sábado 13 teremos un novo encontro coa RFG e co Conservatorio Profesional de Música de Santiago para achegar a música clásica a todos os públicos. Tamén se celebrará o 400º aniversario da morte do escritor Miguel de Cervantes coa Banda Municipal de Música que, xunto á Banda do Conservatorio Profesional, interpretará a Sinfonía nº 3 "Don Quixote", de R. W. Smith, na súa cita dominical do día 12.

Seguindo coa música, da man de Uxía abriranse os actos dedicados á celebración do Día das Letras Galegas, que ten como protagonista ao poeta Manuel María. A intérprete presenta un traballo sobre o poemario deste excepcional autor ao que ela lle presta a súa voz e que defenderá co seu directo no Teatro Principal o 22 de febreiro.

Teatro
O teatro galego chega da man de Teatro do Noroeste e Palabras Malditas, de Eduardo Alonso, para afondar na escura España da posguerra, os días 26, 27 e 28 de febreiro no Teatro Principal. Este escenario acollerá tamén unha nova edición de Festival Internacional de Teatro Universitario do 15 ao 18. Os públicos máis novos terán cabida en actividades didácticas de teatro escolar dirixidas a centros educativos. Representaranse no Principal as Novelas ejemplares de Cervantes, da compañía Regenta Teatro; Babiliglub, de Galitoo; e Jim e a illa do tesouro, da compañía Eme2.

As entradas para os eventos de música e teatro están a venda no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas, e en entradas.abanca.com 902 434 443.

Exposicións
Continuará aberta ata o 28 de febreiro no Auditorio de Galicia a exposición dedicada ao libro de artista Salto de páxina. E na praza do Obradoiro seguen a ser protagonistas as esculturas de Henry Moore, o gran mestre da escultura moderna, cunha exposición que forma parte do proxecto Arte na rúa, da Obra Social "la Caixa" e da que é comisario Sebastiano Barassi, cefe de Coleccións e Exposicións da Fundación Henry Moore, a entidade que vela pola conservación e a divulgación do legado do artista.

A Zona "C", recuperada como espazo de intervención, abre nova etapa resultado da Convocatoria 2016 de Artes Visuais, dirixida a proxectos de intervención artística, a comisariado e a comunicación gráfica. Faino coa acción da artista Neves Seara 73 liñas do horizonte, unha intervención especificamente deseñada que inaugurará o mércores 10 de febreiro.

As tres exposicións contan coa posibilidade de reservar visitas guiadas e Salto de páxina, no Auditorio, tamén ten unha oferta de talleres. Tanto as visitas coma os obradoiros son gratuítos.

Direcciones relacionadas



Compartir: