ALCALDÍA

Martiño Noriega participa cos nenos e nenas das escolas infantís municipais da celebración do Día da Non Violencia e a Paz

29/01/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acudiu esta mañá á Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños para participar cos nenos e nenas dos actos polo Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

As actividades deron comezo ás 10:15 horas da mañá, cando os nenos e nenas das escolas de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío construíron o "Muro pola Paz". Logo diso foi o turno do contacontos solidario "Paztinete" a cargo de Anxo Moure, do colectivo Bicis pola Paz. Ao acto acudiron tamén representantes dos tres grupos políticos da oposición, Alejandro Sánchez-Brunete, do PP, Paco Reyes, do PSOE e Rubén Cela, do BNG.

O alcalde de Santiago dirixiuse aos nenos e nenas para transmitirlles "a importancia da paz e o rexeitamento de calquera tipo de violencia, que nunca solucionou os conflitos que xorden no mundo". Para o rexedor é importante que se leven a cabo este tipo de actos cos nenos e nenas máis pequenos, para que dende a infancia aprendan os valores da paz, da convivencia e da solidariedade.

No acto, algúns pais e nais leron en voz alta tres desexos pola paz e os nenos e nenas das tres escolas infantís agasallaron con debuxos e creacións ao alcalde da cidade, que invitou aos representantes da oposición para compartir eses agasallos.

O acto finalizou cunha solta de globos brancos no patio da escola infantil de Salgueiriños e coa actuación musical de dous profesores da Escola Municipal de Música, que amenizaron as actividades ao longo da mañá.

Documentos relacionados



Compartir: