IGUALDADE E POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello e as ANPAS reúnense para tratar a situación dos alumnos e alumnas LGTBI

26/01/2016 As concelleiras de Igualdade, Marta Lois, e a de Políticas Sociais, Concha Fernández, reuníronse coa Federación de ANPAS da cidade para tratar os problemas de acoso e bullying que sofre o alumnado LGTBI, en especial os alumnos e as alumnas transexuais. Esta xuntanza coincide coa fundación do colectivo Arelas, que vela polo respecto dos dereitos das persoas transexuais.

As concelleiras recoñeceron a importancia da educación en todos os eidos, de aí que trataran coas ANPAS a incorporación de contidos formativos sobre educación afectivo-sexual na programación de actividades municipais Levaranse a cabo, por unha banda nos colexios de educación primaria da cidade e, por outra, nas Escolas de Nais e Pais. Para Concha Fernández é destacable "que foran as propias ANPAS quen se puxeran en contacto co Concello para trasladar as diversidades destas persoas".

Implicación dos colectivos
A xuntanza coincide coas actividades organizadas polo colectivo Ultreia LGTBI na I Xornada sobre Diversidades sexual dende a Educación: unha oportunidade para transformar a sociedade. As actividades comezaron cunha mesa redonda sobre transexualidade infantil, á que asistiu a concelleira de Políticas Sociais. Pola tarde terá lugar a proxección do filme documental "El viaje de Carla", tamén na Facultade de Educación, no Campus Vida de Santiago.

Durante toda a xornada de hoxe e como acto simbólico iluminaranse as Torres Hejduk da Cidade da Cultura coas cores da bandeira trans.

Compartir: