ALCALDÍA

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan a sede da Asociación Sarela

26/01/2016 O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitaron esta mañá o centro da Asociación de Dano Cerebral Sarela, situado no Castiñeiriño. Martiño Noriega e Concha Fernández quixeron coñecer de primeira man o traballo que desenvolve o colectivo nestas instalacións, así como as súas principais necesidades.

O presidente de Sarela, José Balboa, e a vicepresidenta, Concha Otero, foron os encargados de guiar ao alcalde e á concelleira na visita. O centro de día conta na actualidade con 23 usuarios, ás que hai que sumar outras 40 que acoden ás instalacións para participar en distintas terapias. Martiño Noriega e Concha Fernández puideron coñecer as salas especializadas do centro, e tamén tiveron ocasión de conversar cos especialistas en psicoloxía, fisioterapia ou educación social que desenvolven o seu labor en Sarela.

A vicepresidenta de Sarela aproveitou para lembrar algunhas demandas da Asociación, relacionadas co atraso na concesión das licenzas que permitirían habilitar o segundo andar do edificio e co acondicionamento do exterior do inmoble. O alcalde comprometeuse a axilizar os trámites no que dependa do Concello, e a habilitar fórmulas para que se poida acometer a limpeza das fincas lindeiras do edificio.

Martiño Noriega expresou a súa vontade de colaborar con Sarela, "que ao igual que outras entidades semellantes desenvolve un importante labor que mesmo cobre eivas nos servizos que prestan as Administracións públicas".

Compartir: