ACCIÓN CULTURAL

O filme "Frankenstein-04155" gaña a XXIX edición do festival Cineuropa, á que asistiron preto de 30.000 espectadores

01/12/2015 Cineuropa rematou o pasado domingo, 29 de novembro, a súa 29ª edición, na que puidemos ver máis de 300 filmes. En total foron 29.700 persoas as que asistiron ás proxeccións, incluídas as acompañadas con música en directo da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia. Esta XXIX edición foi ademais a de maior número de películas da historia: 302 filmes inseridos en 21 seccións e cunha sección oficial, buque insignia do festival, que tamén bateu récords con 35 películas. O festival celebrouse do 6 ao 28 de novembro en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galicia e este ano estreou dominio novo en internet: cineuropa.gal.

A gañadora desta edición foi Frankenstein-04155, do galego Aitor Rei, que tivo a súa estrea o 18 de novembro nun Teatro Principal ateigado que lle deu de nota un 9,53. Esta película documental analiza as múltiples variables que influíron no fatal accidente do Alvia 04155 o 24 de xullo de 2013. A película, producida por Boneca Lareta, contou coa colaboración da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, que estiveron presentes xunto a Aitor Rei na proxección, e recibiu financiamento a través de achegas de particulares mediante unha plataforma de crowfunding.

En canto á Sección Oficial, a gañadora foi Le Nouveau, comedia francesa coa que se inaugurou esta edición, que conseguira o premio Novos Realizadores en San Sebastián e ao que o público lle deu un 8,46 de nota; e en Panorama Internacional a maior nota, un 8,35, foi para El botón de Nácar.

O Cineuropa máis social
O premio do público veu a avalar a decisión do equipo de facer bandeira deste Cineuropa ao cinema máis palpitante e de denuncia social. Así, ademais da denuncia na estrea en Galicia do documental Frankenstein-04155 sobre o accidente do Alvia, tivemos filmes que se centran na traxedia dos refuxiados coma Mediterranea ou Flotel Europa. Ademais, algunhas das máis grandes e laureadas películas da temporada que puidemos ver son poderosas denuncias da violencia de xénero ou da opresión da muller, como Paulina, Nahid, O incendio ou Mustang. Tamén houbo forte presenza da memoria do pasado recente con exemplos como Invasión (do bombardeo norteamericano en Panamá); Rabin, the last day (sobre a ruptura definitiva por Israel do diálogo con Palestina hai agora 20 anos); Unha xuventude alemá (que fala da insurxencia armada nos convulsos anos setenta, arredor da Baader-Meinhoff); da guerra iniciada en Afganistán en Tell Spring not to come last year; da situación marxinal dos últimos indios nativos nos Estados Unidos en Song my brother caught me ou o pase especial de Caudillo, de Basilio Martín Patino, o 20-N, nos corenta anos da morte do ditador Franco.

Premios e datas especiais
Cineuropa premiou este ano ao director mexicano Arturo Ripstein, que conta con máis de medio século de traxectoria internacional e ao portugués Miguel Gomes, un dos máis recoñecidos valores de vangarda do cinema portugués e europeo. Ademais, é de destacar tamén nesta edición tivemos proxección o día 11 do filme Mediterranea, que se fixo de forma simultánea en París, Bruxelas, Sevilla, Bucarest, Bratislava, Lisboa e Cork, ademais de en Compostela dentro dos Premios LUX do Parlamento Europeo e que confirmaron a dimensión internacional do festival. O público respondeu enchendo o Teatro Principal e deulle de nota a este filme un 7,90. Puidemos ver tamén Mustang, que finalmente se alzou co Premio LUX, fallado durante a celebración do festival. Antes deste fallo, xa o público de Cineuropa lle dera un 8,41, converténdoa na segunda película máis votada da Sección Oficial.

E tamén é de relevancia a complicidade este ano coa asociación Hostalería Compostela coa que Cineuropa se uniu para propoñer escapadas gastroculturais xuntando Cineuropa con Santiago(é)tapas e que consistiron en descontos nas viaxes en Renfe e actividades de promoción conxuntas coa presentación dos dous eventos en Madrid no tren que saíu cara Compostela como atractivo para o turismo cultural e gastronómico á nosa cidade.

Máis de 300 filmes
En total foron 302 películas organizadas en Sección Oficial, Panorama Internacional, Maiores con Reparos, Docs-Cineuropa, Fantastique Compostela, Arturo Ripstein: Tributo e Retrospectiva, Retrospectiva Artur Brauner, Especial Dominik Graf, Lembranzas, Panorama Audiovisual Galego, Disidencias, Proxeccións Especiais e o Maratón. E a isto engadímoslle este ano un apartado que denominamos OFF-Cineuropa, dentro do cal tivemos as seccións Roxos e Marcianos: a caza de Bruxas en Hollywood, Maratón Roxos e Marcianos, Arthur Miller Centenario, Ciclo Amos Kollek, Filmadas en 1965, Cineuropa recomenda-Cine de culto e Docs Music.

Cineuropa brindou ademais esta edición tres lembranzas: as dúas primeiras foron aos premios Cineuropa falecidos este ano, Manuel de Oliveira e Vicente Aranda e a terceira aos multifacéticos creadores galegos Chichi Campos e Toñito Blanco, tan unidos a Compostela. Ademais, este ano tivemos dous maratóns, un centrado no cinema norteamericano de ciencia ficción de serie B, onde os marcianos eran alter ego dos comunistas; e o xa tradicional maratón transgresor da última fin de semana, de cerca de 12 horas, unha celebración profana do cinema que non ten equivalente en ningún outro festival internacional e que o público volveu encher esgotando as entradas.

Películas dos mellores festivais
Trinta e cinco películas tivemos na Sección Oficial, nunha edición na que o Panorama Internacional estivo dominado polo emerxente cinema latinoamericano e polos grandes mestres do cinema oriental. Puidemos ver as películas da temporada de entre as que compre destacar do festival de Cannes Son of Saul, A lagosta, Mustang, Mia Madre, The assasin ou Chronic; do festival de Venecia o León de Ouro Desde allá, ademais de Francofonía, Rabin, the last day ou La calle de la amargura, do noso premiado deste ano, Arturo Ripstein. O Oso de Ouro de Berlín, Taxi Teheran, tamén estivo na nosa programación que deste festival trouxo así mesmo 45 years, El botón de Nácar, Victoria, Ixcanul, El Club e Eiseinstein en Guanajuato. Puidemos ver tamén o Leopardo de Ouro de Locarno, Right Now, Wrong Them, así como Cosmos e La academia de las musas, que tamén estiveron neste festival. Despois de pasar polo festival de Sitges chegaron The Invitation, The Final Girls, Demon e The Gift, e de San Sebastián trouxemos a gañadora da Concha de Ouro Sparrows, ademais de Sunset Songs.

Nomes propios
Entre os directores europeos cuxa obra se viu este ano destacan Alexandr Sokurov, Nanni Moretti, Terence Davies, Arnaud Desplechin, Robert Guediguian, Matteo Garrone, Peter Greenaway, Joao Nicolau ou Andrezi Zulawski. Do cinema asiático tivemos o novo de Naomi Kawase, Hou-Hsiao-Hsien, Jia-Zhang-Ke, Apichapong Wheerasetakull, Kore-Eda ou Hong-Sang-Soo. E a puxanza latinoamericana, ademais da estrea do último de Ripstein e a súa presenza na cidade, estivo exposta nas películas de Patricio Guzmán, Pablo Larrain, Michel Franco, Santiago Mitre, Jayro Bustamante e Lorenzo Vigas.

E tivemos cineastas que nos acompañaron na cidade presentando as súas películas como José Luis Guerín (premio Cineuropa 2007) e Fernando Colomo que presentaon os seus filmes La academia de las musas e Isla Bonita. E tamén tivo unha presenza potente o audiovisual galego, como sucede cada ano. A liña de programación do festival, tan unida ao Novo Cinema Galego desde o seu nacemento reflectiuse nesta edición nos novos traballos de Lois Patiño, Xacio Baño, Xurxo Chirro, Jaione Camborda ou Diana Toucedo.

Compartir: