CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o prazo de inscrición para os obradoiros "Medrar en familia"

01/12/2015 Dende hai uns anos, os centros socioculturais levan a cabo actividades para familias con crianzas de 0 a 3 anos, abrindo unha vía de actividades lúdicas e educativas para fomentar o desenvolvemento físico, emocional e cognitivo dos máis pequenos. Neste marco volven durante as datas de Nadal os obradoiros Medrar en familia, para os que este martes queda aberta a inscrición. Cada taller dispón de prazas para 12 familias.

Este ano, o calendario de Medrar en familia inclúe varios obradoiros nos que se procurará estimular a motricidade fina e familiarizar os nenos cos conceptos de espazo, tamaño, cor, etc. Motivar aos nenos a crear prepáraos para unha aprendizaxe cada vez máis complexa e permítelles descubrir o mundo, xa que estas actividades axudan a favorecer o desenvolvemento dos pequenos a través dos sentidos e o movemento, fortalecendo os lazos de unión entre pais e fillos.

Compartindo espazo con outras familias que teñen crianzas de idades parecidas foméntase a sociabilidade do bebé e ofrécese aos pais a posibilidade de compartir experiencias, dúbidas e consellos con familias que viven etapas similares. Ademais, os pais poderán conseguir novas ideas para levar a cabo na casa, aumentando así as posibilidades de interacción para fortalecer os vínculos afectivos.

Sesión especial para embarazadas
Como novidade este ano, o programa adiántase ao nacemento e realizarase un obradoiro para embarazadas: As cores sobre nós, xa que a estimulación das crianzas pode comezar antes e é moi beneficioso traballar o campo emocional. Para iso, guiados por unha monitora especializada, a familia pode decorar o ventre da embarazada.

Tras esa primeira parte, realizarase unha sesión fotográfica do traballo realizado por cada familia, empregando na devandita sesión un photocall polo que pasarán todos os participantes. Esta actividade busca reforzar os vínculos familiares involucrando a distintos membros da familia, xa que a embarazada pode asistir acompañada da súa parella e dos seus fillos/as.

Ademais deste obradoiro, haberá dous sobre pintura saborosa, un sobre masaxe infantil e outro máis sobre instrumentos musicais. A excepción do primeiro taller de pintura saborosa, que será no CSC de Vite, o resto realizaranse na Casa das Asociacións de Cornes.

Outras actividades
A maiores dos obradoiros estacionais Medrar en familia, os centros socioculturais ofertan unha serie de actividades ao longo do ano dedicadas a familias con crianzas de 0 a 3. Así, no CSC José Saramago de Vite, os sábados pola mañá, 11:00 a 13:00 h, hai un espazo dedicado ao xogo, lecturas e música onde relacionarse. É a Bb-ludo, dentro da programación da Aula de xogo. Ademais deste espazo, no centro desenvólvense diferentes actividades como Xoga co inglés e En forma mamá+bebé.

Tamén na aula de xogo do CSC Fontiñas dispoñen dun servizo permanente para familias de martes a venres, de 17:00 a 18:00 horas, e ademais existe a programación Cativos creativos, na que se realizan diversos obradoiros en familia.

Finalmente, no CSC de Santa Marta tamén hai actividades específicas como Xoga co inglés e Psicomotricidade infantil.

Compartir: