EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Compostela súmase á celebración do Día Universal dos Dereitos Humanos

01/12/2015 O 10 de decembro celébrase o Día Universal dos Dereitos Humanos, e o Concello de Compostela vaise sumar á conmemoración cun programa de actividades deseñado pola Concellaría de Educación e Cidadanía. O edil Manuel Dios deu este martes todos os detalles dos actos, acompañado pola presidenta do Seminario Galego de Educación para a Paz, Inmaculada Rúa, e Timoteo Gutiérrez, deputado do Colexio de Avogados de Santiago.

O acto central da celebración terá lugar o mesmo día 10, no Auditorio Abanca, na rúa do Preguntoiro. Será unha lectura pública ininterrompida dos artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, á que están invitados os alumnos de 5º e 6º de Primaria de todos os centros de ensino de Compostela. A xornada, na que colabora o Colexio de Avogados de Santiago, arrancará ás dez e media da mañá, e están invitados a participar representantes de grupos políticos, sindicatos, e ONGs, así como os membros do Colexio de Avogados. Ademais, o acto estará amenizado con música e cun contacontos.

30 anos do Seminario Galego de Educación para a Paz
Ademais dese acto, o Concello colabora co Seminario Galego de Educación para a Paz na celebración do seu 30º aniversario. A organización vai desenvolver, os días 11 e 12 de decembro, nas instalacións de Abanca na praza de Cervantes, unhas xornadas sobre Cultura de paz, seguridade e desarmamento. A conferencia inaugural correrá a cargo de Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz e ex director xeral da UNESCO.

No marco das xornadas, presentarase, por primeira vez en Galicia, o Plan de Paz e Convivencia do Goberno Vasco, nunha charla que correrá a cargo de Carlos Fonseca, secretario de Paz e Convivencia do Goberno Vasco. Tamén participará o alcalde de Rivas Vaciamadrid, Pedro del Cura, como vicepresidente da Rede Internacional Alcaldes pola Paz.

As xornadas do 30º aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz completaranse con varias mesas redondas sobre "Paz, seguridade e conflitos armados", "Paz, desenvolvemento e seguridade humana", "Desarmamento e desmilitarización para a paz", e "Armas, mulleres, paz e seguridade".

Compartir: