DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Nace o programa "Consumo Conxo | Conxo Consume" para impulsar o talento dos comerciantes e profesionais do barrio

26/11/2015 Nos próximos 15 días, o barrio de Conxo inaugura o programa Mellorar o talento dos nosos barrios, desenvolvido pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo ao abeiro da iniciativa Compostela Móvese. Esta acción específica para o barrio denomínase "Consumo Conxo | Conxo Consume".

O programa deseñouse entre as asociacións veciñais do barrio, a Asociación de Comerciantes "Esperta Conxo" e o Concello. Consta de tres partes complementarias: a primeira é unha sesión conxunta de lanzamento e posta en común, dirixida aos establecementos económicos da contorna. Durante a mesma, os asistentes dialogarán sobre "como diferenciar a presenza económica do barrio, como vender máis e mellor e como mellorar a comunicación cos clientes". Esta xornada celebrarase o sábado 28 de novembro, entre as 17:00 e as 20:00 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre.

En segundo lugar, durante a próxima semana celebraranse dous faladoiros en locais de hostalería abertos a todo o barrio. O primeiro, o martes 1 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Barrigola, esgrimirá razóns sobre "por que consumir no barrio". O segundo, o xoves 3 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa Pajueleira, achegará argumentos de "por que un barrio debe unirse e colaborar".

Finalmente, do 1 ao 11 de decembro realizaranse 42 horas de consultoría en negocios do barrio para analizar, diagnosticar e avaliar solucións de mellora nos establecementos que axuden a proxectar unha imaxe individual e grupal máis atractiva do barrio.

Inauguración de Getting Contacts
A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, inaugurou hoxe a octava edición da xornada de dinamización empresarial Getting Contacts, que tamén se celebra dentro do programa Compostela Móvese. Na xornada, que se celebra na Cidade da Cultura coa colaboración do Cluster TIC de Galicia, participan máis de cen emprendedores e directivos de Pemes do sector da creatividade e das tecnoloxías de información e comunicación.

Compartir: