ACCIÓN CULTURAL

O novo de Agustí Villaronga, outras estreas e unha tradición: o maratón de Cineuropa

26/11/2015 Baseada na novela do cubano Pedro Juan Gutiérrez, Villaronga suaviza a dureza do relato orixinal para mostrar en El Rey de La Habana a vida de Reinaldo, un pícaro adolescente fuxido dun correccional que debe sobrevivir na decadente cidade de La Habana. A actriz Yordanka Ariosa foi galardoada coa Cuncha de Prata en San Sebastián pola súa excelente interpretación de "jinetera". A cita con Reinaldo, El Rey de La Habana, será ás 16:00 h no Teatro Principal.

A continuación, ás 18:15 h, pasarase por primeira vez Rak Ti Khon Kaen (Cemetery of Splendour), do tailandés Apichatpong Weerasethakul, Un Certain Regard na pasada edición de Cannes. A película, de atmosfera tan onírica como sobrecolledora, céntrase nun improvisado hospital cuxos pacientes padecen unha misteriosa variante da enfermidade do soño.

Ixcanul, Premio Alfred Bauer en Berlín, proxectarase ás 17:30 h no Salón Teatro. O debut do guatemalteco Jayro Bustamante, é un fermoso exercicio etnográfico sobre a vida dunha moza nunha comunidade indíxena que vive na faldra dun volcán. A película irradia unha dobre denuncia social: a precariedade social das comunidades indíxenas e o papel secundario da muller dentro desas pequenas sociedades. No mesmo Salón Teatro, ás 19:15 h comezará Bakemono non Ko (The Boy and the Beast), filme xaponés de animación dirixido por Mamoru Hosoda. Unha fabulosa historia de aprendizaxe e aventuras, poética, emotiva e visualmente fastuosa.

Como xa é tradición, esta noite celebrarase o maratón de Cineuropa, composto esta vez de nove películas, unha delas sorpresa, e a maior parte inéditas no festival. Cine para pasar unha noite de celebración e diversión.

Haberá tamén oportunidade de asistir aos últimos pases de La calle de la amargura, de Arturo Ripstein (Salón Teatro ás 21:30 h); Peace to us in our dreams, de Sharunas Bartas (tamén no Salón Teatro pero ás 23:15 h); e The Invitation, de Karyn Kusama, que se proxectará no Teatro Principal ás 20:15 h. A ampla carteleira que Cineuropa ofrece esta xornada completarase con películas doutras seccións programadas no Salón Teatro e a sede Afundación.

Direcciones relacionadas



Compartir: