EMPREGO

Marta Lois preséntalles aos sectores implicados as liñas estratéxicas do Plan de Emprego 2015-2020

26/11/2015 A concelleira de Desenvolvemento Económico presidiu este xoves unha reunión da Mesa Polo Emprego, na que se presentou o documento estratéxico que servirá de base para a elaboración do Plan de Emprego 2015-2020. Marta Lois explicou que a primeira valoración do texto "foi positiva por todas as partes, sobre todo porque se elaborou partindo da implicación cidadá e no marco dun proceso participativo".

O Plan de Emprego 2015-2020 será presentado a finais de ano, unha vez sexa aprobado formalmente pola Mesa polo Emprego. O documento basearase en catro grandes principios: a aposta polos itinerarios personalizados de inserción laboral e o papel do Concello como mediador activo coas empresas; a introdución da perspectiva de xénero nas políticas de emprego e a atención específica aos colectivos con dificultades para a inserción laboral; a aposta pola economía social; e o impulso da coordinación e o traballo colaborativo entre os diferentes axentes, para favorecer un maior impacto das actuacións.

Proceso participativo
Os traballos do Plan de Emprego 2015-2020 comezaron no mes de setembro, e nestes dous meses e medio foron moitos os encontros para a elaboración do documento.

Nunha primeira fase desenvolvéronse mesas temáticas nas que participou o persoal técnico das entidades que forman parte da Mesa polo Emprego, e que versaron sobre recursos sociolaborais, emprego xuvenil, innovación e emprendemento, economía social e emprego protexido, traballo garantido e renda básica e desigualdade de xénero no emprego.

A segunda fase da elaboración do Plan de Emprego desenvolveuse no marco do Foro Colaborativo de Emprego FOCO 2015, no que tiveron lugar 17 mesas abertas de traballo nos días 5 e 6 de novembro. Nelas participaron unhas 600 persoas de diferentes colectivos e de distintos perfís. As súas achegas serviron para elaborar un documento conxunto, con 23 obxectivos, 69 liñas de actuación e 176 medidas concretas. Destas propostas, seleccionáronse as máis acaídas, para recollelas no documento estratéxico presentado na reunión desta mañá. Nel establécense 29 liñas de acción con 66 medidas concretas, que serán dotadas de orzamento, tanto con fondos municipais como procedentes doutras administracións.

Compartir: