TURISMO

Santiago promociónase en Milán como destino de congresos para o mercado italiano

25/11/2015 Turismo de Santiago, a través do servizo para a promoción da cidade como destino de congresos, xornadas e incentivos, o Santiago de Compostela Convention Bureau, participa este xoves en Milán na Master Meeting, unha xornada de promoción directa para o mercado italiano, dirixida a organizadores profesionais de congresos.

Na Master Meeting participa unha ducia de cidades españolas, que amosarán as súas posibilidades a 40 axencias do sector da zona norte de Italia, a que ten un maior grado de desenvolvemento económico e por tanto ten maior atractivo neste segmento turístico.

Na xornada, organizada polo Spain Convention Bureau en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Milán, cada cidade fará unha pequena presentación das súas infraestructuras e recursos para albergar congresos e xornadas de diferentes dimensións. Haberá tamén un momento de networking, para que os representantes das cidades e os profesionais poidan coñecerse persoalmente e intercambiar contactos e opinións.

A xornada inclúe un obradoiro de tapas para os profesionais asistentes, xa que a gastronomía é un dos principais atractivos para o mercado italiano. A gastronomía galega estará moi presente no obradoiro, xa que o cociñeiro responsable será Flavio Morganti, de orixe italiano pero afincado en Ourense, cunha cociña de fondas raíces galegas. Ademais, servirase viño da D.O. Ribeiro e conservas galegas.

Italia é un mercado prioritario para o sector turístico de Santiago. No 2014 foi o principal mercado turístico internacional para a cidade, sumando máis de 64.000 pernoctacións. Precisamente por este motivo, aproveitando a súa participación na Master Meating, Turismo de Santiago fará tamén unha acción de promoción directa visitando a diferentes profesionais e empresas do sector nas súas sedes de Milán.

Compartir: