ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa estrea "Desde allá", Léon de Ouro no último Festival de Venecia

25/11/2015 O debut de Lorenzo Vigas foi a gran sorpresa do pasado Festival de Venecia, a primeira vez que unha película en español conseguía o León de Ouro. Desde allá, que se estreará no Teatro Principal ás 20:00 h, é unha perturbadora película que parte dunha historia orixinal do mexicano Guillermo Arriaga.

O actor chileno Alfredo Castro, habitual do cine de Pablo Larraín, interpreta a un home incapaz de recoñecerse homosexual que paga a mozos da rúa para obter goce sexual, pero sen atraverse ao tacto. Dende a distancia. Así atopará a Elder, un magnífico e novísimo Luis Silva, con quen quedará fascinado. A partir de aí, o desasosego, a violencia e a crueldade.

No Teatro Principal, ás 21:45 h, proxectarase, como xa é tradición, unha película sorpresa. Ao longo do día ofreceranse pistas a través das redes sociais para incrementar (ou minguar) o suspense.

Nesta xornada poderase asistir tamén a novos pases de The Gift, o inquietante filme de Joel Edgerton (Teatro Principal ás 23:45 h); de Nahid, de Ida Panahandeh (Salón Teatro ás 19:45 h); e do último de Sokurov, Francofonia (no Salón Teatro ás 21:45 h). Tamén haberá despedidas ilustres e outras non tan ilustres, como Cosmos, de Andrzej Zulawski (ás 16:15 h no Teatro Principal), valorada polo público de Cineuropa cun 3,85 (suficiente para provocar curiosidade); a historicamente comprometida Equí y n'otru tiempu, de Ramón Lluís Bande (Salón Teatro ás 16:30 h); a moi celebrada Isla Bonita, de Fernando Colomo (Teatro Principal ás 18:00 h); Mi Querida España, de Mercedes Moncada (Salón Teatro ás 18:00 h), á que o público outorgou un 8,62; El incendio, de Juan Schnitman (Salón Teatro ás 23:30 h), e Flotel Europa, de Vladimir Tomic, que se pasará no Salón Teatro á 1:00. Por último, no CGAC e a sede Afundación, seguiranse proxectando películas doutras seccións e de entrada libre ata completar capacidade.

Direccións relacionadas



Compartir: