DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello organiza unha xornada sobre os beneficios da peme innovadora

24/11/2015 A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, presentou a xornada Beneficios da Peme Innovadora, que se celebrará o martes 1 de decembro no edificio Cersia (rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n) – San Lázaro) Participarán diferentes expertos que explicarán as características do novo selo para as PEMES innovadoras que concede o Ministerio de Economía e Facenda.

Marta Lois expresou a vontade municipal de apostar pola "creación e desenvolvemento de empresas innovadoras". En concreto, referiuse á excelencia formativa e investigadora da USC como "unha plataforma excepcional para poder desenvolver e consolidar un modelo económico sostible na cidade, baseado no coñecemento".

Con este obxectivo, dixo, organízase esta xornada sobre as pemes innovadoras, coa idea de que as empresas da cidade que están apostando pola innovación poidan coñecer as importantes vantaxes ás que poden optar. Así, no programa da Xornada inclúense relatorios como: Novas liñas de subvención para a Peme innovadora en Galicia, Presentación técnica do selo Peme Innovadora ou Modelo de certificación para a obtención do selo Peme Innovadora.

A asistencia a esta Xornada é gratuíta. A inscrición debe realizarse na web da Axencia Local de Colocación. Para máis información pode chamarse ao teléfono 981 543 060.

Segundo explicou Javier Vázquez, este evento enmárcase tamén na estratexia de cidade intelixente Smart iAGO e, máis en concreto, nos traballos para avanzar na chamada compra pública. Así, a participación das pemes innovadoras nos procesos de contratación públicos é un dos eixes desta estratexia.

Peme innovadora
Segundo o Real Decreto 475 de 13 de xuño de 2014, unha peme é innovadora cando cumpre algunha das seguintes condicións: cando teña recibido financiamento público nos últimos tres anos a través de programas de I+D+i; cando teña demostrado o seu carácter innovador mediante a súa propia actividade, como por exemplo dispor dunha patente propia; ou cando teña demostrado a súa capacidade de innovación, mediante algunha das certificacións oficiais recoñecidas polo Ministerio de Economía e Competitividade.

Sobre o cumprimento destes requisitos e sobre os beneficios que reporta ás empresas xirarán estas xornadas, segundo explicou Javier López, delegado de EQA Galicia, certificadora de calidade que organiza a Xornada xunto co Concello. Sobre estas vantaxes, destacou a posibilidade de obter unha bonificación do 40% nas aportacións empresariais ás cotas da Seguridade Social do persoal investigador ou as deducións no Imposto sobre Sociedades.

Direccións relacionadas



Compartir: