CENTROS SOCIOCULTURAIS

Novas citas este domingo coa programación familiar "12 doces de outono"

19/11/2015 A Concellaría de Acción Cultural continúa coas actividades do programa 12 doces de outono nos centros socioculturais. Este domingo, 22 de novembro, haberá novas propostas escénicas para público familiar, combinadas coa degustación, ao remate das funcións, de doces do outono elaborados polos veciños en obradoiros previos nos centros socioculturais. A entrada aos espectáculos é de balde, suxeita unicamente á capacidade das salas.

A primeira cita deste domingo será ás 12:30 horas no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, onde Pablo Díaz ofrece o seu espectáculo Xente miúda, moita fartura. Este programa musical está dirixido a nenos de 0 a 5 anos.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural de Laraño, estará o músico e actor Paco Nogueiras coa súa proposta Brinca vai. Cos seus instrumentos e a súa "Máquina" fará viaxar aos máis pequenos con humor, baile e cancións.

A esa mesma hora, pero no Centro Sociocultural das Fontiñas, Contos das orellas, con Migallas. Contos de risa, trasnos e carapuchiñas acompañados de instrumentos coma o acordeón ou a melódica.

Direccións relacionadas



Compartir: