ALCALDÍA

O Concello e a Dirección Xeral de Tráfico buscan fórmulas de colaboración

27/10/2015 O alcalde de Santiago recibiu esta mañá a xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Victoria Gómez Dobarro, nunha xuntanza na que tamén participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro. O encontro serviu para repasar algúns asuntos nos que o Concello e a DXT veñen colaborando e para explorar novas vías de cooperación.

A xefa provincial da DXT, o alcalde e o concelleiro de Convivencia puxeron sobre a mesa a necesidade de reactivar un convenio asinado durante a pasada lexislatura, que tiña como obxectivo poñer en marcha o portelo único administrativo. Ese acordo, que nunca se chegou a aplicar, buscaba mellorar o intercambio de información entre a Dirección Xeral de Tráfico e o Concello, de xeito que os cidadáns teñan que dirixirse a un único lugar para, por exemplo, tramitar cambios no padrón e no domicilio dos seus vehículos.

Campañas de control de drogas
Na reunión desta mañá tamén se falou da cooperación da Policía Local nas campañas de control de drogas e alcohol que poña en marcha a Dirección Xeral de Tráfico. Segundo explicou o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, vanse intensificar os controis de drogas, con kits específicos que a DXT lle fará chegar á Policía Local. Ademáis das campañas impulsadas pola Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local porá en marcha controis propios.

Compartir: