TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade na principal feira turística de Italia

06/10/2015 O aeroporto de Santiago estrea unha ruta anual con Roma de Vueling para afianzar o mercado italiano en tempada baixa. O mercado italiano é prioritario para a empresa municipal de promoción turística xa que é o mercado internacional que máis pernoctacións xenera nos hoteis da cidade.

Turismo de Santiago promocionará a cidade na TTG Incontri, a feira de turismo cultural máis importante de Italia, que terá lugar en Rimini entre o 8 e o 10 de outubro. A feira é o maior foro de contratación do sector turístico italiano, xa que nela participan a maior parte dos operadores turísticos do país.

Turismo de Santiago estará presente no Stand de Turespaña e terá a oportunidade de facer unha presentación aos profesionais italianos interesados no mercado español, especialmente aos vinculado coa cultura, o patrimonio e a gastronomía. Ademais, Turismo de Santiago reunirase cos principais turoperadores italianos que traballan co mercado ibérico.

Ademais, aproveitando a participación na TTG, Turismo de Santiago fará un porta a porta en Bolonia os días previos visitando as súas principais axencias de viaxes. Bolonia, que conta con máis dun millón de habitantes na súa zona urbana, é a capital da Emila-Romaña, unha das rexións máis poboadas do país, con máis de catro millóns de habitantes. A Emilia-Romaña, no norte industrial do país, é unha das zonas máis ricas de Europa.

O mercado italiano é un mercado prioritario para Turismo de Santiago, xa que é o mercado internacional que máis pernoctaciones xenera na cidade. No ano 2014 sumou en Santiago 64.779 pernoctacións, un 12,91% máis que no 2013. Este crecemento foi posible en boa medida grazas a recuperación da conexión aérea con Roma. Sen embargo, as cifras aínda están por baixo o máximo que se logrou no Ano Santo 2010, cando se alcanzaron as 73.799.

O obxectivo é que as pernoctacións de turistas italianos continúen aumentando no ano 2016 e, especialmente, que haxa un aumento nos meses de temporada baixa, entre novembro e marzo. Este aumento será posible grazas a nova conexión anual de Vueling con Roma, que dará continuidade a ruta que estreou o ano pasado nos meses de verán.

Documentos relacionados



Compartir: