POLÍTICAS SOCIAIS

Primeira xuntanza da concelleira de Políticas Sociais coa asociación LGTBI "Ultreia"

06/10/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, mantivo unha primeira reunión coa asociación "Ultreia", para tratar as necesidades e demandas deste colectivo.

Trátase da primeira xuntanza para abordar a coordinación entre a entidade e o concello tras un primeiro contacto previo ao Día do Orgullo Gay. Naquela ocasión algúns membros achegáranse ao concello para asistir á colocación da bandeira da comunidade LGTBI que permaneceu pendurada do Pazo de Raxoi durante uns días.

Concha Fernández amosou a necesidade de coordinación para desenvolver actuacións e actividades conxuntas en defensa dos dereitos das persoas LGTBI, tal e como se deriva do acordo aprobado en sesión plenaria. Neste sentido levarase a cabo desde o concello en colaboración con "Ultreia", unha campaña de prevención da SIDA a nivel municipal. Ademais, a concelleira de Políticas Sociais transmitiulle a necesidade de incorporar a este colectivo ao Plan de Traballo de Cidades Educadoras e de crear un servizo de información e asesoramento.

Compartir: