ACCIÓN CULTURAL

Arturo Ripstein e Miguel Gomes serán os Premios da XXIX edición de Cineuropa

05/10/2015 Programarase unha ampla retrospectiva do máis importante dos cineastas mexicanos e veremos o seu último filme ‘La Calle de la Amargura’, estreado recentemente en Venecia. De Miguel Gomes, recoñecido valor da vangarda do cine portugués, poderemos ver o tríptico ‘As Mil e Uma Noites’, cuxo volumen II representará a Portugal na candidatura aos Oscar.

O alcalde da cidade, Martiño Noriega, e o director de Cineuropa, José Luis Losa, anunciaron esta mañá na Casa do Concello os premiados da XXIX edición do festival. Neste 2015, Cineuropa recoñece a dous directores: un con máis de medio século de traxectoria internacional, o máis importante dos directores mexicanos, Arturo Ripstein; o outro, un dos máis recoñecidos valores da vangarda do cinema portugués e europeo, autor recente do tríptico estreado como acontecemento autoral no festival de Cannes, ‘As Mil e Uma Noites’, Miguel Gomes.

Os Premios Cineuropa instauráronse no ano 2000 e desde entón foron conformándose como un dos recoñecementos ás traxectorias de cineastas de maior prestixio no panorama de festivais do estado. Entre outros, foron merecedores do Premio Cineuropa José Luis Guerín, Pablo Trapero, José Luis Borau, Manoel de Oliveira, Jane Birkin, Pedro Costa, José Sacristán, Albert Serra, María de Medeiros, Luis Tosar, Bahman Gohbadi, Bigas Luna, Federico Luppi, Stephen Warbeck, Vicente Aranda, Paulo Branco, Nils Malmros, Oliver Laxe ou Barbara Lennie.

Cun veterano en plena forma como o mexicano Ripstein, rexurdido este verán en Venecia, e o talento revelador de novas linguaxes do novo e xa consagrado Miguel Gomes, o Premio Cineuropa consolida o seu prestixio e acentúa a súa internacionalización das últimas edicións a través do xenio provinte de países e continentes diversos.

Ripstein, o máis importante director mexicano
Arturo Ripstein forma parte do devir histórico de Cineuropa. Cando o festival naceu no 1987, Ripstein estreaba nel ‘El imperio de la fortuna’, fascinante adaptación dunha historia de Juan Rulfo a cargo de Paz Alicia Garciadiego, guionista inseparable desde ese momento da obra do cineurgo mexicano. É por iso que Cineuropa asistiu á forxa dese tándem, o de Ripstein e a súa compañeira Paz Alicia Garciadiego, ao longo de 20 anos e doce longametraxes que se foron coñecendo en sucesivas edicións do noso festival. E o director e a guionista serán os protagonistas en Compostela desta XXIX edición coa estrea da súa máis recente obra, ‘La Calle de la Amargura’, estreada no festival de Venecia, así como cunha ampla retrospectiva seleccionada especialmente polo propio Ripstein para o tributo de Cineuropa.

As películas que integrarán esta retrospectiva son "El Castillo de la pureza" (1973) "El Santo Oficio" (1974), "La viuda negra" (1977), "El lugar sin límites" (1978), "El imperio de la fortuna" (1986), "La reina de la noche" (1994), "Profundo Carmesí" (1996), "El Evangelio de las Maravillas" (1998) e "Así es la vida" (2000). Ripstein, dúas veces gañador da Concha de Ouro en San Sebastián, participante habitual nos festivais de Cannes ou Venecia, participará activamente nas proxeccións da súa retrospectiva en Cineuropa en encontros co público do festival.

Miguel Gomes, a vangarda do cinema portugués
Miguel Gomes representa a forza emerxente do cinema portugués. Cineuropa traduciu esa admiración polo cine de Portugal cos seus premios ao mestre Manoel de Oliveira (2003), ao director Pedro Costa (2012), á actriz María de Medeiros (2013) e ao produtor Paulo Branco (2014), gran amigo do festival e do que nesta edición poderemos ver a súa película premiada o pasado verán en Locarno, ‘Cosmos’ de Andrezj Zulawski. De Miguel Gomes víronse en edicións anteriores de Cineuropa "Aquele querido mes de agosto" (2010), coa que gañou o Bafici (Festival Internacional de Cine de Buenos Aires), e "Tabú", merecedora do Premio Alfred Bauer na Berlinale de 2012.

Co tríptico ‘As Mil e Uma Noites’, que poderemos ver en Cineuropa e estreado mundialmente fai catro meses na Quincena dos Autores do Festival de Cannes, Gomes alcanzou o gotha dos autores no recoñecemento da crítica non só europea senón mundial. O trenzado sinuoso dos tres volumes é unha viaxe libérrima, con Sherezade como condutora pola Europa do Diktat alemán e a poboación refén dos recortes. E é, á vez, un poemático excurso polas tradicións e peculiaridades irredutibles dun Portugal que se resiste ao adocenamento. E, nun acto de afirmación da cultura daquel país, o Volume II de ‘As Mil e Uma Noites’ representará a Portugal na candidatura aos Oscar.

Compartir: