POLÍTICAS SOCIAIS

A Cidade da Cultura iluminarase de verde para apoiar as persoas con discapacidade intelectual

02/10/2015 Santiago súmase a outras cidades, como A Coruña, para apoiar de forma simbólica a este colectivo.

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou en rolda de prensa a iniciativa da asociación FADEMGA e destacou que "esta asociación, que nace da sociedade civil, traballa dende fai máis de 50 anos pola igualdade de oportunidades e a inclusión das persoas con discapacidade intelectual".

A asociación cambia de imaxe e, para celebralo, a Cidade da Cultura sumarase a outros edificios emblemáticos como a Torre de Hércules, en Galicia, a Praza de Cibeles, a Porta de Alcalá e o Concello de Madrid, o MNAC en Barcelona, a Cidade das Artes e as Ciencias en Valencia, etc. iluminándose de verde para apoiar de forma simbólica a este colectivo.

Durante esta semana, a organización lanzou unha campaña de comunicación en redes sociais e mediante o hashtag #Plenainclusión están a animar aos seus colaboradores, socios e simpatizantes a que tingan os seus perfís de verde, colguen mensaxes pola igualdade, e se fagan un selfie pola #Plenainclusión diante dos edificios e monumentos iluminados.

Esta mañá tamén se procedeu, na praza do Obradoiro, á entrega de novos vehículos as entidades que están asociadas en FADEMGA. A concelleira, Marta Lois, fixo o acto de entrega das chaves a unha desas asociacións.

Compartir: