RELACIÓNS VECIÑAIS

Nova cita co programa "Imos ao baile"

02/10/2015 Celébrase unha nova sesión do programa "Imos ao baile". A cita é este sábado 3 de outubro a partir das 17:30 horas no Centro Sociocultural de Cornes.

Estará amenizado pola orquestra Alborada que xa actuou no mes de xuño en Cornes e Marrozos.

Esta programación de bailes con orquestra responde á demanda dos propios maiores aos beneficios saudables que reporta, tanto físicos como psíquicos. Por unha banda, afecta de maneira moi positiva á coordinación, aos músculos -fortalecéndoos e mellorando a súa flexibilidade, forza e resistencia-, á saúde postural e ao sistema cardiovascular, facilitando a circulación do sangue e o ton da pel. Por outra, no eido psíquico, o baile favorece a socialización, a relaxación, a autoestima e a confianza, pois está comprobado que bailar fomenta a confianza nun mesmo e a claridade de pensamento.

Participan da proposta 12 grupos musicais diversos, ben recoñecidos polo seu traballo neste ámbito e que gozan dunha boa acollida entre os usuarios deste programa habitual xa na rede de centros socioculturais.

Imos ao baile pretende ser un convite a participar e gozar na compaña doutros veciños e veciñas de Compostela en espazos relacionais como son os centros socioculturais da zona urbana e das parroquias e a Casa da asociacións de Cornes.

Compartir: