DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello crea o programa Compostela Móvese para impulsar un novo modelo económico en Santiago

01/10/2015 O obxectivo é fomentar un modelo económico para a Gran Compostela que tire proveito das fortalezas de Santiago: Capitalidade, Proxección internacional, Universidade, Cultura e Patrimonio. Compostela Móvese nace cun orzamento de 240.000 euros para este ano 2015, 100.000 dos cales destínanse a axudas para novas empresas.

A Concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi Compostela Móvese, programa que nace para impulsar un novo modelo económico para a Santiago apoiándose nas principiais fortalezas da cidade. A concelleira estivo acompañada polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel. A Asociación de Empresarios colabora cedendo a súa sede para a realización de diferentes accións e na difusión do programa.

O obxectivo de Compostela Móvese é apoiar un novo modelo de desenvolvemento local, endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia de Santiago. Busca asentar a creación de novas empresas e os procesos de mellora nas empresas existentes nos valores diferenciais da economía da cidade: Capitalidade, Proxección internacional, Universidade, Cultura e Patrimonio. As principais liñas de traballo de Compostela Móvese para conseguir este novo modelo son: reconducir o actual modelo de turismo de masas estacional noutro que fomente o turismo cultural e urbano, que faga de Santiago a "estación base" para coñecer Galicia; modificar a visión dunha economía baseada en polígonos industrias noutra máis sostible e integradora, onde emprendedores e empresas, especialmente de servizos, convivan no tecido urbano; limitar a creación de solo industrial ligándoa á demanda real, impedindo a especulación sobre o solo.

Compostela Móvese tamén pretende outorgar maior peso no modelo económico aos sectores productivos, recuperando aqueles do ámbito primario e manufactureiro que hoxe corren perigo de desaparecer; colaborar de forma estreita coa USC, un dos principais elementos definidores de Santiago, apoiando a innovacións, as empresas tecnolóxicas e as empresas nacidas da Universidade; explorar e impulsar novos nichos de emprego, en especial nos sectores creativos, que son os que actualmente teñen maior capacidade de dinamizar a cidade, aumentando o seu atractivo residencial e comercial.

Compostela Móvese nace cun orzamento de 240.000 euros para accións que se desenvolverán no último cuatrimestre do ano. O programa conta con dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas, que conta cun orzamento de 100.000 euros, que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello. Recibirones máis de 100 solicitudes de novas empresas para esta liña de axudas, que pechou o seu prazo de presentación o pasado 11 de setembro.

Por outra banda, deseñouse unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento. Esta liña de actividade conta cun orzamento de 140.000 euros e conta cun ambicioso programa de actividades que se desenvoleverán no último trimestre do ano, entre as que destacan:

Mellorar e medrar. A actividade recolle unha experiencia probada con éxito no programa Urbana Norte para dar resposta ás necesidades detectadas no estudio de necesidades formativas realizado entre empresariado dos polígonos industriais do Concello de Santiago no ano 2014. Fronte a sistemas de formación clásicos, neste programa ofértanse servizos de formación a domicilio adaptados á realidade de cada empresa. Os ámbitos a tratar son: modelo de negocio, técnicas de venda e comercio exterior.

Obradoiros A pares. Sete seminarios de formación en habilidades horizontais para o emprendemento nos que se abordarán diferentes temáticas. O primeiro seminarios, sobre "Comunicación e Fotografía", terá lugar o próximo sete de outubro no Espazo Coworking da Cidade da Cultura. A inscrición a este seminario, gratuita, pode facerse na páxina www.cersiaempresa.org.

Formación en competencias emprendedoras por barrios e no rural. Este programa, que inclúe actividades de formación, encontro empresarial e debate, está pensado para contribuir dende o ámbito do emprendemento e a mellora empresarial á revitalización do barrio de Conxo afectado moi gravemente pola incidencia das obras do soterramento do periférico que o divide en dous.

Seminarios Formativos Faino Ti. Co gallo de impulsar a creatividade e a cultura do faino ti, faino cos teus, programaranse unha serie de actividades e obradoiros de formación para toda a familia aproveitando a celebración da Mini Maker Faire en Santiago de Compostela durante o mes de outubro. Con este conxunto de obradoiros búscase traballar sobre a mocidade valores e competencias vinculadas ao emprendemento e ao liderado empresarial.

Economía colaborativa. Trátase dun proxecto piloto a realizar no entorno do programa Urbana Santiago Norte empregando a metodoloxía dos adestramentos colaborativos. Con esta experiencia crearase un grupo de colaboración empresarial baseado na confianza mútua en nos que iniciativas empresariais xa establecidas son capaces de vincular a novas persoas en dinámicas de emprendemento cooperativo artellando actividades conxuntas de dinamización económica.

Economía Social: formación colaborativa e para o emprendemento. Fuxindo dos itinerarios formativos clásicos, con esta acción búscase mellorar a formación das persoas para que afronten a súa vida profesional en dinámicas de creación de iniciativas autolideradas e autoxestionadas, seguindo os principios da economía colaborativa e dotándoas das competencias precisas para afrontar con éxito os retos profesionais da nova economía.

Compostela Móvese vai na liña do acordo suscrito entre o Concello de Santiago, a Asociación Área Empresarial do Tambre e o Instituto Galego da Vivenda e Solo para a promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento empresarial. O acordo busca establecer un marco que permita desenvolver actuacións conxuntas, formulando propostas para o axeitado aproveitamento dos recursos no norte da cidade, no ámbito das superficies empresariais da Sionlla, da Costa Vella e do Tambre.

Compartir: