CONVIVENCIA

A comunidade educativa do CEIP Pío XII coñece os detalles do Colecamiños

30/09/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a inspectora da Policía Local Diana Parente, reuníronse este martes coa ANPA e a dirección do CEIP Pío XII para darlles todos os detalles do proxecto Colecamiños, que o Concello vai poñer en marcha inicialmente neste colexio.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a inspectora da Policía Local Diana Parente, reuníronse este martes coa ANPA e a dirección do CEIP Pío XII para darlles todos os detalles do proxecto Colecamiños, que o Concello vai poñer en marcha inicialmente neste colexio.

As nais e pais dos alumnos do centro amosaron o seu interese por este programa, que persegue animar os cativos a iren andando á escola, garantindo a súa seguridade. O obxectivo último é recuperar o uso do espazo público para os máis novos, e paliar os problemas de tráfico que xeera o hábito de levar aos nenos en coche ata a mesma porta do colexio.

Na xuntanza viuse a boa disposición das nais e pais para colaborar no proxecto, e recolléronse as súas suxestións para a súa posta en marcha. De feito, o concelleiro de Convivencia e Mobilidade e a inspectora da Policía Local comprometéronse a estudar a posibilidade de que o programa se empece a aplicar ao mesmo tempo en dúas das rutas deseñadas: a da Alameda e a da praza de Vigo. Ao longo do día deste mércores estase instalando a sinalización horizontal e vertical do Colecamiños, co obxectivo de comezar a aplicar o proxecto a próxima semana.

Agasallos para o creador de Moito Olliño
Xan Duro e Diana Parente aproveitaron a súa visita ao CEIP Pío XII para entregarlle uns agasallos ao creador da mascota do programa Colecamiños. A imaxe desta campaña, o boneco Moito Olliño, foi seleccionada nun concurso de debuxo entre os escolares, no que resultou gañador Martín Rosende Piñeiro. A imaxinación de Martín e a creatividade da deseñadora gráfica María Pereiró, conxugaronse para dar unha mascota a este proxecto.

Proxecto piloto
O CEIP Pío XII será o primeiro colexio no que se poña en marcha esta experiencia, que xa funciona con éxito en moitos países europeos, e en cidades máis próximas como Pontevedra. A Policía Local ten deseñados catro itinerarios para que os nenos cheguen con seguridade ao centro, e tendo que cruzar o menor número posible de pasos de peóns.

As rutas parten da praza de Vigo e a praza Roxa, o Campus Vida, Santa Isabel, e o casco vello. Son itinerarios dun máximo de 850 metros, e que se poden percorrer a pé nuns 10 minutos. Para facilitarlles as cousas aos pais, nos puntos de orixe destas rutas reservaranse espazos nos que poidan parar uns minutos cos seus coches para deixar aos nenos.

Nunha primeira fase, será o persoal de Protección Civil o que garanta a seguridade dos cativos, axudándolles nos cruces. Cando o programa estea máis implantado, a intención é que sexan voluntarios os que se ocupen desta labor. Ademais, as tendas situadas nos catro percorridos deseñados colaboran co Colecamiños, e os nenos poderán dirixirse aos seu traballadores cando precisen dalgún tipo de axuda. Os establecementos estarán sinalizados cun cartel coa mascota Moito Olliño.

A clave do éxito deste tipo de programas é que os diversos actores sociais (pais e nais, a figura dos mestres e mestras, colaboración de veciños e comerciantes do barrio e como non, dos poderes públicos) se involucren cos valores que se pretenden e conseguir o compromiso de todos eles con nenos e co seu benestar.

Direccións relacionadas



Compartir: